publicidade hoxe

A Xunta reafirma o seu compromiso para garantir a protección dos dereitos das persoas LGTBI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta para garantir os dereitos de todas as persoas, con independencia da súa orientación sexual e identidade de xénero.

Así o explicou na reunión por videoconferencia que mantivo esta mañá coa directora xeral de Diversidade Sexual e Dereitos LGTBI do Ministerio de Igualdade, Boti García, e os responsables das comunidades autónomas neste ámbito. Na súa intervención incidiu na necesidade de traballar na igualdade de trato en xeral e, en concreto, na non discriminación do colectivo LGTBI.

Natalia Prieto lembrou que a comunidade galega foi pioneira en aprobar a primeira Lei de igualdade de trato e de non discriminación deste colectivo en toda España, coa Lei 2/2014 do 14 de abril, pola igualdade de trato de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. A norma inclúe unha abordaxe transversal da situación e dos problemas de discriminación dos que son obxecto as persoas LGTBI, así como a protección das persoas que o necesiten desde un enfoque integral.

Tamén destacou o traballo do Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e de identidade de xénero, que contribúe ao coñecemento da realidade da diversidade de orientación sexual, servindo como garantía dos dereitos das persoas LGTBI, para analizar os seus problemas e como órgano de denuncia en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

A secretaria xeral da Igualdade por delegación engadiu que nos últimos anos os Centros de Información á Muller (CIM) contan cun servizo de atención directa ás persoas LGTBI, ademais doutras accións no ámbito sanitario e educativo.

17 de xuño de 2020 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.