publicidade hoxe

A Xunta aplica a tecnoloxía blockchain á trazabilidade da marca de calidade ‘pescadeRías, de onde se non?’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta vén de implantar a tecnoloxía blockchain no sistema de trazabilidade da marca “pescadeRías, de onde se non?”, que ofrece garantías adicionais da autenticidade de cada unha das operacións que se producen na cadea de valor dos peixes e mariscos galegos certificados con esta marca de calidade.

A iniciativa, en funcionamento, xa procesou mais de 308.000 etiquetas desde o seu arranque e aproveita unha das principais fortalezas do blockchain, o seu carácter inmutable en todas e cada unha das operacións da cadea de trazabilidade. Neste sentido, pódese dicir que o emprego desta tecnoloxía equivale a asinar ante notario todas as operacións que se producen na cadea de valor do produto.

Aplicación do Blockchain a pescadeRías

Esta tecnoloxía incorpórase como parte do proceso de cada operación da cadea de trazabilidade da marca Pescaderías, de onde se non?; desde que se recibe o produto nas lonxas, se pesa e poxa no primeiro nivel de comercialización, así como todas as operacións de transformación de reexpedición que se realizan sobre o produto no segundo nivel de comercialización ata que chega ao consumidor final.

A aplicación do Blockchain á pescadeRías pon á disposición do usuario, xa sexa un axente ou un consumidor final, un informe completo de trazabilidade que pode atopar en calquera etiqueta do produto. O informe presenta as características do peixe ou marisco, a data e zona de captura, peso… e a traza de todos os axentes da marca polos que pasou ese produto.

PescadeRías

A marca “pescadeRías, de onde se non?” é un selo de identidade para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal cuxa fama de variedade e calidade traspasan as nosas fronteiras. Trátase dunha iniciativa da Consellería do Mar para impulsar que os produtos do mar procedentes da frota artesanal poidan ser claramente diferenciados, dentro da variada oferta que presenta un mercado cada vez máis globalizado e cunha ampla variedade de produtos (https://deondesenon.xunta.gal/).

Aporta vantaxes para o consumidor que pode distinguir estes produtos con facilidade no mercado. Estas etiquetaxes son unha garantía de frescura e calidade, de respecto ao medio ambiente e de aplicación dunhas prácticas hixiénicas e de manipulación adecuadas por parte das empresas que os puxeron no mercado. As etiquetas dos produtos pescadeRías conteñen un código que permite que o usuario poida trazar en liña a súa identidade (https://deondesenon.xunta.gal/gl/consultatraza).

Aporta tamén vantaxes para as empresas xa que a marca é unha ferramenta que se pon a disposición do sector pesqueiro para poder diferenciar a frescura e calidade do seu produto nun mercado actual competitivo.

No ano 2019 xestionáronse un total de 2,12 millóns de etiquetas, que se corresponderon con mais de 14,3 millóns de quilos de produto, cun maior impacto (estacionalidade) nos meses de xuño a agosto.

7 de xuño de 2020 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.