publicidade hoxe

A Consellería de Educación recoñece o traballo de 30 centros cos premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación na FP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a resolución dos premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da formación profesional, cos que se recoñece o traballo de 30 centros. O obxectivo destes galardóns, que teñen unha dotación económica de 800.000 euros, é potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na formación profesional, e o fomento do emprendemento.

O departamento educativo da Xunta aposta por transformar os ciclos en ensinanzas que se adapten ao contorno produtivo e ao novo modelo económico baseado no coñecemento como forza impulsora. Deste xeito estase a camiñar cara a un sistema de formación profesional máis áxil, flexible e eficiente, estreitamente vinculado ás demandas formativas da poboación e ao impulso de valores como a creatividade, a innovación e o traballo en equipo, así como á estimulación do espírito emprendedor.

A convocatoria segue as directrices marcadas pola Estratexia Europa 2020, que incorpora como obxectivo o impulso dunha formación profesional que propicie novas experiencias nos campos da innovación, da calidade, da creatividade e do emprendemento.

Modalidade A

Os proxectos puideron presentarse a dúas modalidades. A primeira delas, de Innovación tecnolóxica ou científica, está dirixida ás iniciativas que teñan como obxectivo a xeración de innovación tecnolóxica ou científica que redunde na mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos e que estean orientadas a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo. Ademais, estes proxectos deben ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.

Modalidade B

A segunda modalidade, de Innovación Didáctica, céntrase nas iniciativas que teñen como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. Estarán orientadas á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais deben ser doadamente trasladables a outros centros onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.

Criterios de valoración

Entre os criterios para escoller os proxectos premiados valoráronse, en especial, aqueles nos que se fomenta a colaboración do profesorado e do alumnado de formación profesional con empresas e institucións do seu contorno, e con outros centros educativos; así como os que fomentan a aparición de novas iniciativas empresariais, especialmente aquelas que sexan susceptibles de pórse en marcha na Rede galega de viveiros de empresa.

Tamén se tivo en conta que impliquen unha mellora na calidade da formación e na empregabilidade e a inserción laboral do alumnado, o nivel de impacto do proxecto no contorno produtivo desde o punto de vista tecnolóxico e ambiental ou o grao de transferencia e resposta a un reto empresarial.

Así mesmo deuse prioridade ás iniciativas que favorezan o acceso da muller aos perfís relacionados con profesións STEAM e actividades industriais, así como o acceso dos homes a sectores que contan con escasa representación masculina.

10 de xuño de 2020 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.