publicidade hoxe

Os centros residenciais de Galicia recibiron 400 teléfonos móbiles e tablets para facilitar a comunicación dos usuarios coas súas familias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Centros residenciais de maiores, atención á discapacidade e de menores de Galicia recibiron máis de 400 teléfonos móbiles e tablets para facilitar a comunicación dos usuarios cos seus familiares durante as medidas de confinamento que se están a producir durante a emerxencia sanitaria.

Estes dispositivos, que foron cedidos por Cenor electrodomésticos, a compañía telefónica Orange, a Fundación Profuturo e Fundación La Caixa, serven para manter o contacto entre os residentes e as súas familias, xa que a situación derivada da emerxencia sanitaria impide as visitas nos centros residenciais desde o pasado 16 de marzo como medida de precaución para evitar contaxios.

Con esta achega procurouse dar solución a unha situación que preocupaba ás persoas que viven nos centros residenciais de servizos sociais e as súas familias. Aínda que se intensificou o contacto telefónico nestes centros, decidiuse dar un paso máis e facer uso dos avances tecnolóxicos para que poida producirse tamén un contacto visual.

Ademais, esta doazón de dispositivos móbiles convértese nunha mostra máis da solidariedade que todo o tecido social galego está a amosar nesta pandemia, xa que desde o primeiro momento puxéronse en contacto coa Administración autonómica para facer chegar a súa axuda.

Plan social de continxencia

Esta iniciativa forma parte do Plan social de continxencia, que tamén inclúe medidas como o teléfono social (900 400 800), que está á disposición das persoas que teñan dúbidas básicas, que necesiten acompañamento ou atención psicolóxica e que atendeu desde a súa posta en marcha máis de 2000 chamadas.

O plan tamén abrangue o seguimento telefónico aos 14.400 usuarios de centros de día e ocupacionais e, para os fogares que o necesita, o reparto de comida a domicilio, que xa chega a 250 familias máis. Un correo electrónico para a detección rápida de situacións de risco (atencionsocialemerxencia@xunta.gal).

Ademais, púxose en marcha unha axuda económica para os nenos que dispuñan dunha bolsa de comedor da súa escola infantil, colexio ou instituto, das que se beneficiarán máis de 51.000 fogares galegos, e un Servizo de Axuda no Fogar (SAF) extraordinario para as persoas que necesiten coidados a domicilio, por un importe de 6 millóns de euros.

O Goberno galego tamén procedeu á exención do pagamento por parte dos usuarios das cotas das escolas infantís, centros de día e ocupacionais con financiamento público e puxo en marcha a maior orde de axudas da historia de Galicia destinada ás entidades de inclusión social, por un importe de 18,3 millóns de euros.

Así mesmo, a Xunta adiantou preto dunha semana o pagamento da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) do mes de abril para aliviar a economía doméstica de 10.000 familias galegas. Trátase dunha medida pioneira na nosa comunidade para a que o Goberno galego destinou un investimento de 4,5 millóns de euros.

9 de maio de 2020 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.