publicidade hoxe

Galicia reitera ao Estado a necesidade dun protocolo de actuación específico para os casos de posibles enfermos por coronavirus en buques nacionais que operan só en España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, veñen de enviar unha nova carta ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, na que lle reiteran a necesidade de que o Goberno central estableza un protocolo de actuación específico para os casos de posibles enfermos de coronavirus a bordo dos buques nacionais que operan só en España, sen actividade en países estranxeiros.

Os dous representantes do Executivo galego agradecen a resposta do ministro a unha misiva que lle remitiran a finais de abril expoñendo este asunto, pero lamentan que non clarificase as pautas de comportamento para casos coma estes pois alude a protocolos de actuación en fronteiras que non dan resposta aos problemas derivados de posibles episodios en buques españois que teñen como punto de partida e chegada peiraos nacionais con tráficos comerciais -neste caso a pesca- tamén nacionais.

Os titulares de Mar e Sanidade da Xunta insisten na conveniencia de definir claramente as competencias e funcións de cada departamento implicado na xestión destes casos co obxectivo de acadar unha maior eficiencia e eficacia tanto no uso dos medios dispoñibles como na atención ás tripulacións. Esa coordinación entre Sanidade Exterior, o Instituto Social da Mariña e as comunidades autónomas, explican os representantes do Goberno galego, permitiría flexibilizar tamén directrices como as de illamento no buque dos tripulantes sospeitosos de estar contaxiados e que non teñen domicilio na localidade de chegada, incorporando outras opcións como as residencias integradas ou espazos hospitalarios.

Rosa Quintana e Jesús Vázquez Almuiña tamén solicitan ao Estado que analice a posibilidade de aplicar de xeito flexible as directrices sobre a realización das probas de diagnóstico do COVID-19 aos tripulantes de buques de pesca de altura e gran altura que faenan en períodos de máis de 10 días entre a saída e a chegada a portos españois e que carecen de posibilidades de asistencia médica especializada de forma inmediata.

Esa flexibilidade, lembra o Executivo galego, concordaría coas recomendacións e instrucións da Comisión Europea sobre a protección da saúde, a repatriación e as disposicións de viaxe da xente de mar, os pasaxeiros e outras persoas que se atopan a bordo de buques e a realización das probas de detección podería incardinarse na función do Instituto Social da Mariña relativa aos recoñecementos médicos previos ao embarque así como na formación sanitaria para os tripulantes.

Nesta liña, os dous conselleiros solicitan na súa misiva ao Ministerio de Sanidade que analice a posibilidade de realizar estes controis dentro dos recoñecementos médicos previos ao embarque e que se emita unha aclaración sobre a autorización ás entidades representativas do sector marítimo-pesqueiro para que procedan, se así o estiman convinte, á realización pola súa conta de probas de diagnóstico do coronavirus aos tripulantes dos buques ou aos profesionais asociados ás súas entidades.

5 de maio de 2020 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.