publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Convocadas as axudas para apoiar aos concellos na elaboración de plans de acción para o clima

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe a Resolución pola que se convoca por primeira vez a Orde de axudas para a elaboración de Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces), cos que planificar e adoptar medidas que apoien e mitiguen a loita contra o cambio climático desde a perspectiva local.

Trátase da primeira vez que a Xunta establece este tipo de incentivos que están dirixidos aos concellos galegos, ás entidades supramunicipais e ás agrupacións de entidades locais, que se atopen formalmente adheridos ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, antes da solicitude da axuda.

Esta liña de actuación, que está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), convócase en réxime de concorrencia non competitiva, e está dotada dun orzamento global dun millón de euros para o presente exercicio. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos, a través do formulario electrónico normalizado dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, no prazo dun mes a contar dende mañá.

Un plan de acción para o clima e a enerxía sustentable consiste nun inventario de referencia de emisións (IRE), unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático; polo que a liña de incentivos que vén lanzar a Consellería de Medio Ambiente sufragará os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos mesmos, sempre e cando -segundo requisito da orde de axudas- non este redactado nin aprobado.

Deste xeito, os concellos integran á loita contra o cambio climático como unha das variables que deben ter presente na definición das súas políticas, tanto para reducir os gases de efecto invernadoiro e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.

Cómpre lembrar que a realización destes plans é un dos compromisos adquiridos polos concellos galegos asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, onde un dos seus compromisos é que deberán contar cun Pace no prazo de dous anos dende a adhesión. Nese sentido, a Xunta quere apoiar as entidades á realización dos mesmos, polo que habilita esta liña de axudas onde a contía variará en función da poboación e que vai dos 3.000 (para concellos de ata 2.000 habitantes) ata os 20.000 euros, para aqueles que superen os 100.000.

Fenómeno da actual sociedade

Un dos problemas ambientais primordiais ao que se enfronta a actual sociedade é o cambio climático, un fenómeno de dimensións globais que debe ser abordado no ámbito internacional. Así, a súa solución pasa necesariamente polo traballo conxunto de todos os sectores da sociedade, incluídos os diferentes niveis administrativos e, dentro destes, mención especial merece o labor dos concellos pola súa proximidade e relación directa cos cidadáns.

A Comisión Europea puxo en marcha en 2008 o Pacto dos Alcaldes (Covenant of Mayors), unha iniciativa aberta a todas as cidades e municipios en Europa co obxectivo de involucrar ás autoridades locais e aos cidadáns no desenvolvemento e a aplicación da política enerxética da Unión Europea.

En Galicia, a Xunta é a coordinadora do Pacto dos Alcaldes en Galicia, que puxo en en marcha a Oficina Técnica de coordinación e asesoramento, constituída en 2018 e activa desde comezos de 2019. Nestes momentos, son xa 189 os concellos adheridos, unha cifra que avanza a bo ritmo e que sitúa a Galicia máis preto do obxectivo final de que o 90% dos municipios galegos estean plenamente integrados no Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía a finais deste ano.

Así, os concellos adheridos ao Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía fan propios os obxectivos europeos fixados para o ano 2030 como reducir as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40%; mellorar a eficiencia enerxética nun 32.5% e incrementar o uso de fontes de enerxía renovable un 32.5%, traballando á súa vez na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a este.

14 de maio de 2020 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.