publicidade hoxe

As familias vulnerables beneficiarias das axudas do Bono Alugueiro Social teñen garantido o 100% do custo da súa vivenda ata finais de ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia prolongará ata finais de 2020 a súa axuda extraordinaria aos beneficiarios do Bono de Alugueiro Social de tal xeito que non teñan que aboar nada pola renda da súa vivenda durante o que resta de ano. Esta medida, en virtude da cal o Goberno autonómico asume o 100% do custo do alugueiro, fíxose efectiva por primeira vez no mes de abril e volveu repetirse en maio. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se resolve a concesión directa da axuda complementaria á dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Deste xeito, prolóngase esta axuda extraordinaria ata decembro de 2020 coa intención de beneficiar a unhas mil familias vulnerables que xa están percibindo o devandito Bono ou ás que se lles concederá nos vindeiros meses.

Trátase dunha medida do Goberno galego en previsión dos efectos negativos derivados da crise do COVID-19, polo que se considerou necesario estender a medida a todo o exercicio 2020, tendo en conta sobre todo a situación de especial vulnerabilidade das unidades de convivencia beneficiarias deste programa e a previsible evolución da situación creada pola pandemia, con consecuencias negativas para as súas economías domésticas que poderán manterse durante un espazo de tempo superior ao propio estado de alarma.

Grazas a esta axuda complementaria, que se sumará ao importe habitual do Bono Alugueiro, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) achegará a totalidade da renda que lles correspondería pagar pola súa vivenda habitual durante todo o que queda do exercicio 2020.

Esta medida será aplicable a todas as unidades familiares que estean recibindo actualmente o Bono de Alugueiro Social e tamén a aquelas ás que se lles conceda esta axuda no que resta de ano. A axuda extraordinaria, de igual xeito, beneficiará tanto aos perceptores do Bono de Alugueiro Social ordinario como aos que teñen concedido o bono específico para vítimas de violencia de xénero.

A dotación económica extraordinaria para complementar o Bono e chegar ata o cen por cen do importe dos alugueiros é de 810.000 euros, que se sumarán ao importe ordinario das axudas e aos máis de 170.000 euros adicionais xa mobilizados e correspondentes aos meses de abril e maio.

Cómpre lembrar que a convocatoria deste ano das axudas do Bono de Alugueiro Social foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 3 de febreiro e a do Bono de Alugueiro Social para vítimas de violencia de xénero publicouse o 8 de abril. O prazo de presentación de solicitudes está aberto en ambos casos ata o 11 de decembro de 2020 e a dotación orzamentaria total ascende a 3,05 millóns de euros, sen contar o importe das axudas extraordinarias.

Perfil dos beneficiarios do Bono

As axudas do Bono están dirixidas ás seguintes unidades de convivencia:
• Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.

• As das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude, se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración pública.

• Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

• Aquelas que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desta axuda dentro dos seis meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do programa do Bono Alugueiro Social.

• Aquelas ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo lles finalizase a vixencia do seu contrato a partir da entrada en vigor desta orde.

• Aquelas ás cales, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecidos no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.

• Aquelas que sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de Xestión de Activos procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de subvención do Programa do bono alugamento social.

• Mozos menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de idade e saian do réxime de tutela, para facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento.

• Aquelas persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras.

Pola súa parte, o Bono de Alugueiro Social para vítimas de violencia de xénero está
dirixido a:
• Mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación.

• Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, con resultado de morte.

• As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.

22 de maio de 2020 | 12:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.