publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta defende que a limitación de saídas por franxas horarias se decida en función do número de habitantes dos núcleos de poboación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Alfonso Rueda no Centro de Coordinación Operativa

Alfonso Rueda no Centro de Coordinación Operativa

A Xunta defendeu hoxe que a limitación por franxas horarias nas saídas ao exterior dos galegos debería fixarse de acordo ao número de habitantes por parroquias rurais e núcleos de poboación, e non por concellos. En base a esta proposta, as persoas con liberdade horaria pasarían de ser o 15% da poboación a algo máis do 47%.

Así se trasladou hoxe durante a reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), que estivo presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. No Cecop participan tamén, ademais doutros departamentos da Xunta, a Delegación de Goberno e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O Goberno central estableceu a liberdade de horarios de saídas nos municipios de menos de 5.000 habitantes, sen aclarar se este límite é por núcleos de poboación ou parroquias, ou ben polo termo total do concello. De feito, ante a redacción recollida na Orde SND/380/2020, de 30 de abril, xa houbo distintas interpretacións segundo os territorios, como en Asturias, onde a Delegación de Goberno interpreta que é por núcleos de poboación, o que resulta, segundo o vicepresidente galego, un “agravio comparativo que non responde a criterios sanitarios”.

Tendo en conta isto e as “inquedanzas de moitos veciños e concellos galegos”, a Xunta levou este asunto ao Cecop, en tanto o criterio que se aplica pola Delegación do Goberno en Galicia é máis restritivo que o da “comunidade veciña”.

A Xunta interpreta que o artigo 5.2 da citada orde refírese a núcleos de poboación e parroquias rurais e non a concellos. Esta interpretación obedece a varias razóns. Por unha banda, enténdese que a finalidade da orde é evitar aglomeracións, independentemente da entidade xurídica que administre o núcleo da poboación. Esta interpretación, ademais de ser coherente coa garantía da saúde pública, resulta tamén máis favorable ao principio de favor libertatis, en tanto é menos restritiva das liberdades individuais. E, por último, adáptase mellor á realidade social galega e á súa distribución territorial.

Cómpre ter en conta que en Galicia os datos varían de forma significativa segundo se siga unha ou outra interpretación. Así, de seguir a interpretación por concellos, só o 15% da poboación ten liberdade horaria ao residir en concellos de menos de 5.000 habitantes; mentres que se o criterio son, como en Asturias, os núcleos de poboación e parroquias rurais, podería saír con liberdade horaria case a metade da poboación (47,3%).

Ante esta discrepancia, o Cecop decidiu elevar unha consulta ao Ministerio de Sanidade para que decida que interpretación é a correcta e se Galicia pode ter os mesmos criterios que Asturias.

Pesca fluvial e marítima

Ademais da interpretación sobre os núcleos da poboación, o Cecop tomou outros acordos de interese en distintos eidos. Así, acordou dar por retomada a actividade da pesca fluvial, sempre que se adopten todas as medidas de protección individual e se respecten todos os parámetros para a realización da actividade física ao aire libre, sobre todo no relativo ás limitacións impostas acerca dos desprazamentos e lugares permitidos, os requisitos para evitar o contaxio e as franxas horarias permitidas. A Xunta traslada esta decisión ao considerar que a pesca fluvial está amparada na Orde de 1 de maio por ser unha actividade deportiva exercida individualmente e ao aire libre; e non unha actividade agraria, tal e como apuntaron dende o Goberno central.

No eido do mar, e co obxectivo de adaptar a Galicia o plan de reactivación deseñado polo Goberno central, o Cecop decidiu que a pesca marítima recreativa pode desenvolverse na comunidade en calquera das súas modalidades tendo en conta que se trata dun deporte individual que non require contacto con terceiros. Polo tanto, a súa práctica queda enmarcada no que establecen tanto a orde sobre as condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 como a orde que fixa as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos e a apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado.

O Executivo galego tamén aprobou o acceso ás instalacións portuarias (pantaláns e varadoiros) para facer comprobacións de seguridade e mantemento das embarcacións polos seus propietarios ou persoas debidamente autorizadas durante a fase 0 da reactivación -vixente na actualidade- de acordo tanto coas limitacións que en materia de desprazamentos estableza o Executivo central e que rexan en cada momento como coas instrucións publicadas por Portos de Galicia. De feito, esta medida ten especial relevancia tendo en conta que na fase 0 poderán usarse embarcacións para a práctica de actividades deportivas de acordo coa normativa estatal.

Educación

No ámbito educativo, acordouse a reanudación da admisión de alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, de Educación Primaria, de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos, así como a adaptación dos prazos do procedemento para facilitarlles aos centros a preparación do vindeiro curso escolar.

Deste xeito, o prazo de presentación de solicitudes de admisión irá do 11 ao 18 de maio, ambos os dous días incluídos. Canto á presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo, a data máxima é o 26 de maio. As listaxes provisionais do alumnado admitido e excluído deberán publicarse antes do 9 de xuño e as definitivas ata o 26 de xuño. O prazo de formalización de matrícula irá do 1 ao 10 de xullo e o extraordinario, para Secundaria e Bacharelato, do 1 ao 10 de setembro.

Para atender o proceso de admisión, na xuntanza de hoxe acordouse tamén modificar o horario de presenza dos equipos directivos nos centros educativos. No caso dos centros de máis de seis unidades, deberá estar cando menos un membro do equipo directivo, diariamente, no horario habitual do centro; e nos de menos de seis unidades deberá estar o director ou docente responsable os días precisos para a realización dos trámites. O persoal administrativo deberá estar tamén nos centros o tempo que considere preciso a dirección para atender os procedementos de admisión. Asemade, será obrigatoria a presenza do persoal de limpeza.

Por outra banda, respecto ao ensino de Formación Profesional levántase a suspensión da realización de Formación en Centros de Traballo derivada da declaración de emerxencia sanitaria en Galicia. A decisión responde a que a declaración do Estado de Alarma non suspende de maneira específica estas accións formativas e a que xa se adoptaron medidas excepcionais de flexibilización que permiten o seu desenvolvemento cunha redución de horas, en días non lectivos, a distancia ou integrándoas no Módulo de Proxecto. O levantamento farase efectivo ao día seguinte da publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia.

O CECOP tamén coñeceu as medidas previstas para articular a reactivación segura do transporte público. Así, abordáronse as medidas que se aplicarán nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade autonómica, garantindo en todo momento a seguridade de traballadores e viaxeiros e facilitando a atención ás necesidades de mobilidade.

Na reunión de hoxe do CECOP tamén se acordou a emisión dunha certificación dixital para acreditar aos condutores do transporte de mercadorías ou de viaxeiros no exercicio da súa actividade, ante as dificultades atopadas para poder expedir directamente o certificado de aptitude profesional (CAP) acreditativo de xeito físico. Esta certificación dixital será válida no ámbito territorial da Comunidade mentres dure a situación de emerxencia sanitaria e non sexa posible expedirlles directamente unha tarxeta CAP física, que require, tanto de actividade presencial dos empregados públicos como da propia presenza do interesado para a súa entrega.

Equipos de protección e saídas dos centros residenciais

O Centro de Coordinación Operativa tamén acordou permitir á Xunta a autorización temporal de equipos de protección individual (EPI), seguindo en todo momento a normativa marcada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Deste xeito, a Administración galega trata de axilizar o acceso ao material de protección que cumpre coas directrices estatais.

O procedemento aprobado recolle que é o fabricante ou importador do material que non conteña o marcado da CE o encargado de formalizar a súa solicitude de autorización temporal para comercializar os EPI ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, departamento autonómico responsable da coordinación e da programación da vixilancia de mercado no eido da seguridade industrial e que, para este cometido, contará coa colaboración do Instituto Galego de Consumo e da Competencia para o estudo da documentación remitida.

Na súa petición, ademais da documentación necesaria para garantir o cumprimento da Resolución de 23 de abril de 2020 da Secretaría Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa –dependente do Ministerio– no relativo aos equipos de protección individual, a empresa deberá achegar a solicitude ao Organismo Notificado ante o que presentou a avaliación de conformidade do produto.

En materia social, o CECOP adoptou un acordo que clarifica a orde ministerial que regula as saídas a pasear ou facer exercicio nesta etapa do desconfinamento. Esta orde ministerial establece que as persoas usuarias de residencias de maiores non poden de momento reanudar estas saídas, pero non se refire en ningún momento aos centros de persoas con discapacidade.

A Xunta, no marco das súas competencias e por analoxía coa norma vixente para as residencias de maiores, decidiu manter a limitación das saídas nas residencias de persoas con discapacidade mentres non recomenden o contrario as autoridades sanitarias. Os usuarios destes centros son, igual que os maiores, persoas especialmente vulnerables.

Medio rural e medio ambiente

A maiores, aprobouse levantar a suspensión de realizar queimas nos terreos rústicos a partir do vindeiro 11 de maio, tras as últimas medidas adoptadas polo Goberno central ante a evolución positiva da emerxencia sanitaria. Así, unha vez a Consellería de Medio Rural dite a resolución correspondente, xa se poderán realizar comunicacións de queimas en terreos agrícolas e solicitar autorizacións para terreos forestais.

Polo tanto, tras a evolución positiva da crise do Covid-19, ábrese o abano e normalízase a concesión de autorizacións e comunicacións de queimas de restos agrícolas e forestais.

Outra das medidas acordadas foi propoñer, con carácter extraordinario para o ano 2020, a ampliación da tempada alta no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ata o próximo 15 de outubro, cando segundo Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) a tempada alta estenderíase ata o 15 de setembro. Respectaranse, en calquera casos, os límites máximos de visita establecidos. A medida será trasladada ao Goberno central para sometelo á súa conformidade, xa que se trata dun Parque Nacional.

Así mesmo e co fin de seguir avanzando cara a unha progresiva reactivación económica e empresarial, a Cecop tamén autorizou un paquete de medidas para favorecer novas implantacións empresariais en Galicia.

En concreto, o Instituto Galego da Vivenda e Solo e Xestur ofrecerán para as novas adxudicacións de parcelas en dereito de superficie ata tres anos de carencia para empezar a pagar o canon (dous máis que na actualidade) e as empresas terán 12 anos, en lugar de 10, para manter a opción de compra con dereito a un desconto do 40% das cantidades satisfeitas ata ese momento. Nas operacións de compra de parcelas, do mesmo xeito, daráselle ás empresas un prazo de seis meses para pagar desde a notificación da adxudicación, cando nestes momento dispoñen dun mes.

A outra medida acordada en materia de solo empresarial beneficiará aos que xa teñen nestes momentos unha parcela en réxime de dereito de superficie. Así, IGVS e Xestur poderán concederlles un período de carencia dun ano se a empresa así o solicita durante os tres meses seguintes á finalización do estado de alarma.

5 de maio de 2020 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.