publicidade hoxe

As federacións de pesca e de caza de Galicia ofrécense a colaborar en tarefas de control da biodiversidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia cos presidentes da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, e da Federación Galega de Pesca, Manuel Mouzo, para analizar como está a afectar a estes sectores a situación provocada pola crise do coronavirus e as restricións impostas polo actual estado de alarma.

Os máximos representantes de ambas entidades amosaron a súa disposición a seguir colaborando coa Xunta e lembraron que ambos colectivos poden desempeñar un importante labor de control no territorio que contribúa ao mantemento da biodiversidade. Neste sentido, seguen a facerse con normalidade as repoboacións nos ríos que estaban previstas.

Así mesmo e tendo en conta a paralización da actividade cinexética e pesqueira que supuxo a declaración do estado de alarma, a conselleira e os presidentes das principais federacións de caza e pesca da comunidade coincidiron na necesidade de seguir en contacto para analizar como evoluciona a situación e de que xeito se poderían retomar ambas actividades, cando chegue o momento e sempre de forma paulatina e en función das decisións que vaian adoptando Xunta e Estado.

Pola súa parte, a conselleira trasladoulles que tanto os catro centros de recuperación de fauna da Xunta (localizados en O Veral, Oleiros, Cotobade e Maceda) como tamén os centros ictícolas ou piscifactorías dependentes do seu departamento están a funcionar “con normalidade” e garantindo a atención aos animais ingresados e a actividade que desenvolven habitualmente.

Así mesmo, Vázquez Mejuto tamén agradeceu a boa disposición e comprensión amosada por ambos colectivos ante todas as medidas que tivo que adoptar a súa Consellería en relación coa práctica da actividade cinexética e pesqueira con motivo da declaración do Estado de alarma en virtude do Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo.

Neste sentido, lembrou que un dos primeiros acordos do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) creado pola emerxencia sanitaria foi prohibir, con carácter xeral e desde o 18 de marzo, todas as accións de caza no conxunto da comunidade, permitíndose só excepcionalmente e como medida de control a autorización de determinadas accións cinexéticas ante supostos graves como danos xeralizados á agricultura ou á gandería; accidentes de tráfico reiterados nun mesmo punto; ou a existencia de riscos en materia de sanidade animal.

Na mesma liña, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tamén suspendeu a venda de permisos de pesca fluvial así como o inicio oficial da tempada en Galicia, ao tempo que habilitou de inmediato un procedemento para a devolución das taxas correspondentes aos permisos que xa foran outorgados para pescar durante o estado de alarma. As taxas aboadas para a expedición dun permiso van desde os 2 euros no caso da pesca sen morte ata os 13 euros, para pesca de 1º categoría (válida para a captura de salmón e do resto de especies).

7 de abril de 2020 | 21:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.