publicidade hoxe

A Xunta aposta por visibilizar a violencia sexual que padecen as mulleres con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, defendeu hoxe a necesidade de seguir traballando para visibilizar a violencia sexual que padecen as mulleres con discapacidade e que, moitas veces, “é unha das formas de violencia máis descoñecida”.

Así o destacou hoxe durante a inauguración da xornada Mulleres con discapacidade ante a violencia, ¿estamos protexidas?, organizada polo CERMI Galicia, onde lembrou que as mulleres deste colectivo padecen unha múltiple discriminación.

Galicia foi pioneira en recoñecer a violencia sexual e os abusos sexuais como unha forma máis de violencia de xénero, tal e como está recollido na Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

No referente ás mulleres con discapacidade, a secretaria xeral da Igualdade por delegación destacou a publicación, o pasado ano, da Guía de violencia sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade, elaborada pola Xunta en colaboración coa Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia (ACADAR).

Na guía recóllense datos como que o 30% dos abusos non se revelou nunca, que o 70% foi comunicado como un segredo e que só o 2% foron denunciados. Ante estes datos, Prieto lamentou que “o silencio ten como resultado a desprotección, polo que se reforza a necesidade de facilitar información, ferramentas e coñecemento”.

Tamén puxo en valor que a Xunta, en colaboración con ACADAR, puxo en marcha o servizo Dedaleira, especializado en información e asesoramento afectivo-sexual que tamén inclúe acompañamento ás mulleres con discapacidade en situación de abuso. O servizo inclúe tamén unha unidade específica de detección e identificación de situacións contra a liberdade e a indemnidade sexual: Querelar.

10 de marzo de 2020 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.