publicidade hoxe

A participación no Voluntariado de Lectura das bibliotecas escolares da Xunta medra arredor dun 20%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A participación das bibliotecas escolares nas iniciativas de Voluntariado de Lectura impulsadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional medrou este curso arredor do 20%. Trátase de dúas accións: Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria) e Voluntariado de lectura-A (Primaria).

O obxectivo destas iniciativas, que se enmarcan no programa Bibliotecas Escolares Solidarias é estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado e recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas, que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe. O programa desenvólvese en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Voluntariado na biblioteca escolar

Un total de 121 centros (cun incremento do 18% con respecto ao curso 18/19) participan este curso en Voluntariado na biblioteca escolar, dirixido a centros de ESO, Bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial que contan con grupos formalizados de alumnado colaborador. Dos centros participantes 58 son da provincia da Coruña, 13 da de Lugo, 12 da de Ourense e 38 da de Pontevedra.

Esta iniciativa pretende favorecer a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado galego, especialmente no ámbito cultural, o que poderá materializarse en actividades de colaboración na biblioteca escolar, de lectura compartida ou de traballo coa información, organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro. Estas accións deberán contribuír a educar ao alumnado para a solidariedade e poderán orientarse, así mesmo, en liña cos obxectivos da Axenda 2030.

O alumnado participante poderá ver recoñecido o seu labor mediante un diploma (no caso dos menores) ou un certificado de horas de voluntariado na biblioteca escolar (no caso dos maiores de idade).

Voluntariado de lectura-A

No caso da acción Voluntariado de lectura-A, dirixida a centros que matriculan alumnado de 5º e 6º cursos de ensino primario, participan este curso un total de 106 centros (un 29% máis que no curso anterior). Dos centros participantes 41 son da provincia da Coruña, 15 da de Lugo, 8 da de Ourense e 42 da de Pontevedra.

O obxectivo é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura, favorecendo a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado, especialmente no ámbito cultural. A acción divídese en tres modalidades. A primeira delas (A) consiste na colaboración coa biblioteca escolar, na que o alumnado forma parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúen ao bo funcionamento deste espazo no seu centro.

Na segunda modalidade (B), Ler con… D (Lecturas compartidas dentro do centro), o alumnado participa no deseño e organización de actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros, a través de fórmulas como os apadriñamentos lectores, a titorización lectora, ou as lecturas compartidas, entre outras.

Por último na terceira modalidade (C), Ler con… F (Lecturas compartidas fóra do centro), o alumnado participa no deseño e organización de actividades de acompañamento na lectura a outros nenos e nenas, doutros centros educativos, incluídas as escolas infantís; lectura a anciáns nas residencias de maiores; lectura a enfermos nos hospitais, etc. Así mesmo, poden incluírse neste apartado accións nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio; así como con alumnado doutros centros, coa biblioteca pública ou outras institucións do seu concello.

Esta acción intégrase, así mesmo, como iniciativa de voluntariado nos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que o alumnado directamente implicado nas actividades programadas polos centros poderá recibir un diploma da súa colaboración como acción de voluntariado cultural.

Plan LÍA

Bibliotecas Escolares Solidarias enmárcase no Plan LÍA de Bibliotecas Escolares, que contempla entre os seus obxectivos para o período 2016-2020 o de “avanzar na consecución dunha biblioteca escolar inclusiva”, así como o de “incentivar o uso das bibliotecas escolares por parte das comunidades educativas”. Entre os retos que cómpre afrontar, esta nova fase do Plan LÍA contempla o de “pensar a biblioteca escolar como biblioteca inclusiva para unha mellor atención da diversidade” e, tamén, o de “ampliar as iniciativas destinadas á implicación das familias na formación lectora dos máis novos”.

O programa ten como obxectivo, así mesmo, fortalecer unha das funcións máis importantes da biblioteca escolar, a de axudar a paliar as desigualdades no acceso aos recursos culturais e de acceso ao coñecemento, poñendo a disposición de todo o alumnado, independentemente da súa situación socioeconómica, todas as ferramentas precisas para avanzar na súa formación como lector crítico e como usuario e produtor de información, competencias clave na actual sociedade da información.

3 de febreiro de 2020 | 15:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.