publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta valorará a posibilidade de introducir unha terceira hora de educación física nos cursos de primaria, secundaria e bacharelato

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta valorará a posibilidade de introducir unha terceira hora de educación física nos cursos de primaria, secundaria e bacharelato, convencidos, aseverou, de que é unha medida necesaria, que non se cingue só ao ámbito educativo senón que afecta positivamente á saúde dos máis novos.

Nesta liña, nun momento no que o Goberno central está a falar dunha posible reforma educativa, Feijóo trasladou a necesidade de que esta aposta se poida consensuar en toda España. E no caso de non ser así, reiterou que a Xunta valorará levala a cabo.

Durante a celebración do Campionato zonal escolar de campo a través Xogade, Feijóo incidiu na importancia de concienciar, sensibilizar e actuar na procura de máis e mellor actividade física nos colexios para mellorar a saúde dos nenos e, por extensión, a saúde de toda a poboación.

E con este obxectivo, subliñou a posta en marcha, xa no curso que vén, de 5 medidas encamiñadas ao incremento efectivo da actividade física saudable, tanto dentro como fóra do horario lectivo, destacando: a creación dunha materia de libre configuración denominada Actividade física saudable, na metade dos cursos da etapa obrigatoria e postobrigatoria; e a ampliación, tamén dentro do horario escolar, da oferta das actuacións de contratos-programa, cunha nova liña nomeada Móvete, encamiñada a impulsar a diario a práctica da actividade física nos recreos e para todas as etapas educativas, e que permitirá dispoñer de 30 minutos máis de actividade física ao día para os alumnos de entre 6 e 18 anos.

Así mesmo, subliñou que esta mesma actividade de práctica física organizada poderá ser ofertada polos centros que o soliciten en horario extraescolar, dous días alternos á semana e cunha duración dunha hora cada día. “E crearase unha rede de centros deportivos saudables, que deberán cumprir unha serie de requisitos”, engadiu, precisando que desde a Xunta premiaranse ademais as mellores iniciativas para incrementar a actividade física saudable que teñan un impacto real demostrado na saúde física do alumnado.

Combinar o aspecto deportivo cun aspecto lúdico

Logo de saudar aos nenos que participaron nestas probas de campo a través, que entre onte e hoxe teñen reunido no Parque de Castrelos a case 2.000 rapaces de Vigo e da súa área metropolitana, o presidente do Executivo autonómico lembrou que, cun investimento de 2,7 millóns de euros, o Programa Xogade combina un aspecto deportivo e competitivo cun aspecto lúdico participativo destinado aos escolares dos centros educativos de toda Galicia.

“O deporte é competir, pero tamén é vida saudable e benestar, en definitiva, é saúde”, dixo, subliñando que a Xunta seguirá a traballar para incrementar esa actividade física e, polo tanto, loitar contra o sobrepeso e a obesidade, a través do deporte e da promoción de estilos de vida saudables nos máis pequenos, xa que os hábitos que se collan nesta etapa serán fundamentais no seu futuro vital.

Ao respecto, valorou os datos da Enquisa Nacional de Saúde, que salientan que mentres España, entre os anos 2012 e 2017, aumentou a súa taxa de sobrepeso e obesidade, pasando dun 27,8% a un 28,5%, Galicia diminuíu a súa en once puntos porcentuais: dun 34,6% ata un 23,3%.

21 de xaneiro de 2020 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.