publicidade hoxe

O Sergas reitera a súa firme e decidida aposta polo colectivo de enfermería, reflectida nas máis de 1.500 prazas ofertadas nos últimos anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde reitera a súa firme e decida aposta polo persoal de enfermería de Galicia, como queda reflectido nas 1.519 prazas ofertadas polo Executivo galego nesta categoría profesional entre os anos 2013 e 2019. En concreto, no mes de marzo, aprobouse unha oferta de 302 prazas e, en maio, celebráronse os exames do concurso oposición para cubrir 830 prazas.

Na actualidade, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña conta con preto de 11.000 profesionais de enfermería no seu cadro de persoal, o que supón 700 máis dos que había no 2008, sendo, ademais, o 88% persoal estable. O restante persoal eventual é necesario para reforzar as plantillas en momentos de maior carga asistencial ou cubrir as ausencias dos traballadores e traballadoras estables.

Cómpre remarcar, así mesmo, que a ratio de enfermeiras e enfermeiros en Galicia é de 4 por cada 1.000 habitantes, cifra superior á media do Sistema Nacional de Saúde, que presenta unha ratio media de 3,6.

Sinalar, así mesmo, que o novo Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, aprobado en maio pasado polo Consello da Xunta, e dotado dun orzamento total para ese período de 102 millóns, contempla a creación de 130 prazas de enfermería.

Máis medidas de apoio

Outra das medidas postas en marcha polo Sergas dirixidas a este colectivo é o contrato de continuidade, mediante o que se lles ofrece un período de estabilidade no emprego, xa que contempla unha duración mínima dun ano e máxima de tres, tendo garantido, ademais, o mesmo réxime de descansos, permisos e vacacións que o resto do persoal fixo.

Xunto co anteriormente sinalado, o Servizo Galego de Saúde puxo en marcha un concurso de traslados aberto e permanente, de carácter anual, que fomenta a conciliación da vida laboral e familiar, e ademais permite atraer a profesionais doutros servizos de saúde. O número de prazas convocadas de enfermería no último concurso de traslados superou as 1.800.

É importante remarcar, como outra das medidas que reflicten a aposta do Servizo Galego de Saúde polo colectivo de enfermería, que a nosa comunidade autónoma é das primeiras na creación e implantación efectiva da categoría de enfermería especialista, na que se inclúen as especialidades de enfermería familiar e comunitaria e a pediátrica.

12 de agosto de 2019 | 14:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.