publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta e UDC colaboran para impulsar un novo modelo de saneamento de auga no rural máis eficiente, sostible e integrado no territorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
A conselleira Ethel Vázquez na sinatura do convenio

A conselleira Ethel Vázquez na sinatura do convenio

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron hoxe un convenio para impulsar a innovación no desenvolvemento dun novo modelo de depuración de auga no rural, coa fin de que sexa máis eficiente e sostible e de que se integre correctamente no territorio.

No acto de sinatura, celebrado no Reitorado da Universidade da Coruña, Ethel Vázquez explicou que con este acordo se promove un proxecto de investigación no que se realizará unha diagnose da situación actual e, a continuación, se establecerán as liñas de acción para optimizar a depuración nos núcleos rurais.

O investimento total neste proxecto é de 200.000 euros, dos cales a Xunta achegará o 70%. O convenio desenvolverase a través dun grupo de traballo coordinado do que formarán parte persoal de Augas de Galicia e do Grupo de investigación en Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña, unha unidade cunha destacada traxectoria na diagnose, planificación e busca de solucións innovadoras e sostibles no ámbito dos sistemas da auga.

Ese grupo de traballo buscará establecer unhas directrices estratéxicas para o saneamento no medio rural de Galicia, ademais de fixar ferramentas e metodoloxías de apoio para a súa implantación.

A conselleira detallou que se trata de explorar sistemas alternativos para o saneamento e a depuración de augas no rural, procurando evitar o elevado custo enerxético e territorial que ten a extensión de quilómetros e quilómetros de colectores con bombeos, especialmente tendo en conta a dispersión dos núcleos en Galicia. Ese sistema, destinado a concentrar nun único punto o vertido de augas residuais, está máis adaptado ás realidades urbanas, e ten a complexidade engadida de requirir, para a súa correcta xestión, de persoal especializado.

Para atender as necesidades de saneamento no rural, a través deste convenio analizaranse tanto novas alternativas como sistemas xa existentes, tales como os humedais artificiais ou as microfitas flotantes, sempre co obxectivo de adaptar o método de depuración á cada realidade contaminante.

Ethel Vázquez sinalou que o departamento que dirixe, a través de Augas de Galicia, traballa desde hai tempo para garantir unha correcta xestión do ciclo integral da auga, non só para a execución de infraestruturas, senón tamén coa prestación dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, de competencia municipal.

Indicou que a extensión total destes servizos a todo o conxunto da poboación é un dos grandes desafíos que deben compartir todas as administracións e no que deben implicarse tamén as deputacións provinciais.

Vázquez Mourelle apuntou aquí que, pese a ser unha competencia municipal, desde o ano 2009 a Xunta mobilizou máis de 1.000 millones de euros en infraestruturas hidráulicas, conseguindo fitos tan relevantes como que o 90% das aglomeracións urbanas cumpran a directiva europea de depuración de augas, fronte ao 50% de hai 10 anos. E puxo como exemplo, os 100 millón de euros investidos na ría do Burgo, na Coruña, e a súa incidencia positiva na calidade das augas, permitindo incluso abrir os bancos marisqueiros, un fito conseguido tamén na ría de Ferrol.

A conselleira sinalou que con proxectos como este por toda Galicia, neste momento se pode afirmar que o saneamento de todas as rías galegas está feito ou está planificado no curto prazo. E salientou que agora o departamento que dirixe entende que é preciso seguir avanzando, e dar un paso máis para que os pequenos núcleos rurais poidan contar tamén con sistemas de saneamento adecuados e eficaces.

22 de xullo de 2019 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.