publicidade hoxe

Medio Rural renova este ano 22 motobombas do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería do Medio Rural renovou este ano ata 22 motobombas do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais. Once destes vehículos foron entregados hoxe polo conselleiro do Medio Rural, José González, a distintos distritos forestais nun acto na Cidade da Cultura.

Durante o mesmo, o responsable do Medio Rural destacou a aposta que está a facer a Xunta pola “profesionalización deste servizo público, único e versátil tanto para prevención como para extinción”, o que implica, segundo explicou, melloras tanto no ámbito do persoal como dos recursos materiais. Neste sentido, sinalou que o custo de cada unha destas motobombas supera os 217.000 euros, polo que só nestes 22 vehículos a Consellería do Medio Rural investiu preto de 5 millóns de euros na súa renovación.

Así mesmo, José González indicou que dende 2013 renováronse 77 motobombas, é dicir, preto do 50% das motobombas que ten o servizo, que está estruturado en 19 distritos forestais. Polo tanto, o conselleiro insistiu no esforzo que fai Medio Rural para que o persoal de incendios dispoña do mellor material e dos mellores medios para loitar contra os incendios forestais na nosa comunidade.

Ademais, o conselleiro do Medio Rural sinalou que destes cambios tamén se benefician os concellos, xa que se lles van cedendo gradualmente aquelas motobombas en bo estado para que sexan utilizadas polas brigadas municipais. Así, avanzou que este ano se entregarán seis vehículos motobomba de segunda man a varios municipios, co fin de mellorar o traballo que se realiza desde as brigadas municipais e contribuír deste xeito a renovar o seu parque móbil.

Outras melloras

Neste sentido, o conselleiro destacou tamén outras melloras do operativo para este ano, como son o incremento no número de cámaras que vixían o monte, que pasaron de 88 operativas o ano pasado a 118 e que vixiarán máis da metade de Galicia, os drons que se empregarán para colaborar tanto en tarefas de vixilancia preventiva como de extinción e o proxecto piloto para detectar alertas temperás en puntos estratéxicos do territorio que recollan observacións meteorolóxicas fiables. Ademais, lembrou a posta en marcha do teléfono de denuncia das condutas incendiarias, o 900.815.085.

Doutra banda, o conselleiro do Medio Rural incidiu no plan de formación para o persoal antiincendios que está xa en marcha e que inclúe 272 accións formativas para uns 7.000 participantes. Nesta liña recordou que xa se impartiron 173 accións, entre elas, precisamente, o curso de condución e manexo de motobombas dirixido aos bombeiros forestais e condutores.

Segundo explicou José González, este plan de formación inclúe distintos cursos específicos para cada categoría profesional, desde primeiros auxilios e de riscos laborais, ata manexo de grandes incendios forestais e de condución e manexo de motobombas e de todoterreos.

30 de xullo de 2019 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.