publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta avoga nas Pontes por contar cunha Galicia máis preparada con programas que combinen formación e emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou hoxe nas Pontes na clausura do obradoiro dual de emprego Eume II, no que un total de 12 mulleres, de entre 36 e 56 anos, recibiron formación en atención sociosanitaria a persoas no domicilio para obter un certificado de profesionalidade, ao tempo que accederon a un contrato laboral durante seis meses nos que realizaron prácticas en coordinación co Servizo de Axuda no Fogar do Concello. Ademais, ao tratarse dun obradoiro dual, as participantes accederán a un contrato de traballo nunha empresa da contorna durante tres meses máis.

Casal destacou a aposta da Xunta para contar cunha Galicia máis preparada a través de programas que combinen unha formación dual, flexible e á carta cun contrato de traballo. Así, sinalou a necesidade de ofrecer unha formación continua que garanta un acceso máis favorable ao mercado laboral, lembrando que a maior formación, máis posibilidades existen de competir nun mercado que cada vez esixe unha preparación máis versátil e comprometida co cambio tecnolóxico.

O director xeral, ademais, destacou o compromiso da Xunta pola igualdade laboral poñendo en valor que neste obradoiro, que financia a Xunta con preto de 175.000 euros, só participan mulleres. As participantes, ademais, están recibindo formación complementaria en alfabetización informática, sensibilización ambiental, en igualdade de xénero e en prevención de riscos laborais.

Casal, así mesmo, agradeceu ao Concello das Pontes a súa implicación destacando a importancia da colaboración entre administracións para acadar unha Galicia cada vez mellor formada que sexa capaz de seguir creando emprego de calidade.

A Administración autonómica está a destinar preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020. En canto aos obradoiros de emprego, entre 2019 e 2020 levaranse a cabo 80 programas mixtos de formación e emprego a través dos que 1500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo.

19 de xullo de 2019 | 14:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.