publicidade hoxe

O Sergas conta con máis de 150 profesionais formados en prevención de condutas suicidas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Máis de 150 profesionais do Servizo Galego de Saúde teñen recibido formación na prevención de condutas suicidas, segundo informou o director Xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, no marco da súa intervención no Parlamento para explicar as diferentes accións levadas a cabo coa entrada en vigor do Plan de prevención do suicidio de Galicia.

Os primeiros datos trala posta en marcha do devandito Plan, en setembro de 2017, reflicten que en 2018 o número de falecementos por suicidio é o máis baixo dos últimos sete anos.

Entre as accións levadas a cabo no marco do Plan destacan a actualización dos protocolos de prevención do suicidio no ámbito hospitalario e o establecemento de comités multidisciplinares de prevención do suicidio en todas as xerencias de xestión integrada. Tamén se puxo en marcha o protocolo de prevención do suicidio no ámbito escolar e a formación de bombeiros e persoal de intervención de primeira liña mediante a Academia galega de emerxencias.

Outras das accións desenvolvidas no Plan son o deseño dun programa de prevención do suicidio para aplicar na rede de asistencia ás drogodependencias, o establecemento dun convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para potenciar a investigación clínica epidemiolóxica, a actualización da Guía de Intervención en conduta suicida do Ministerio e xornadas de sensibilización e prevención en áreas de especial incidencia.

Para o seguimento de avaliación do Plan, creouse un Consello Interdepartamental de prevención de condutas suicidas dende o primeiro trimestre deste ano. Entre os seus obxectivos nos vindeiros meses, o Consello ten previsto o establecemento dunha vía rápida para a atención das persoas con antecedentes de conduta suicida. Tamén entra na súa axenda a creación dun convenio de colaboración co Imelga para actuacións con superviventes, a formación de profesionais de servizos sociais e centros de menores e a elaboración dun proceso integral á depresión.

Segundo datos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), no 2018 faleceron en Galicia 288 persoas, o que supón un descenso do 11,11% respecto a 2017 e de 100 falecementos menos respecto a 2014.

13 de xuño de 2019 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.