publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta expón en Bruxelas a súa xestión do pacto dos alcaldes tras ser escollida como exemplo de boas prácticas nesta materia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia participou hoxe en Bruxelas nun encontro de traballo de alto nivel entre as principais rexións europeas implicadas no chamado Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, o maior movemento mundial impulsado para unir forzas e buscar sinerxías entre as diferentes administracións competentes co obxectivo común de combater o cambio climático.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, foi a encargada de representar a Galicia na reunión que baixo o título Rexións europeas para o diálogo sobre o clima e a enerxía multinivel, abriu un debate construtivo entre representantes políticos de toda Europa arredor do cambio climático e a transición enerxética, partindo da súa propia experiencia como coordinadora do pacto. Durante a xuntanza, os participantes puideron coñecer algunhas das mellores prácticas xurdidas baixo o paraugas do Pacto de Alcaldes co fin de demostrar o poder que ten a gobernanza multinivel á hora de impulsar accións efectivas en materia de clima e enerxía.

Precisamente este mesmo ano os estados membros decidiron comezar a implementar o regulamento de gobernanza multinivel, establecendo as bases para programar a longo prazo as políticas para avanzar cara á neutralidade climática da man das autoridades locais e das rexionais implicadas no proceso.

Cómpre lembrar que a Xunta tomou a decisión de participar directamente no Pacto dos Alcaldes a finais de 2017, asumindo o papel de coordinadora na comunidade das iniciativas que se leven a cabo para acadar os obxectivos da UE nesta materia. Neste sentido, Ferreira Costa incidiu na boa acollida que está a ter o movemento en Galicia, sobre todo desde a posta en marcha da Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes, constituída o ano pasado e activa desde o pasado mes de xaneiro.

Así o demostra o feito de que na actualidade sexan xa 116 os concellos adheridos e 23 os que están en trámite de adhesión, unha cifra que avanza a bo ritmo e que sitúa a Galicia máis preto do obxectivo final de que o ano que vén o 90% dos municipios galegos estean xa plenamente integrados no Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía.

No conxunto de Europa hai xa 9.664 municipios adheridos ao Pacto dos Alcaldes pertencentes a 59 países, mentres que no caso de España, son preto de 2.000 as entidades locais implicadas na iniciativa.

A Xunta traballa como coordinadora do pacto desde a convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensar global, actuar local”. Así, a directora xeral defendeu en Bruxelas o potencial do municipalismo galego para combater o cambio climático e contribuír a dar resposta aos obxectivos fixados por Europa para 2030, que se resumen nun 27% menos de consumo enerxético, un 40% menos de emisións de CO2 e un 27% máis de enerxías renovables.

Nese sentido, engadiu que a implicación dos concellos é “determinante” no proceso de transición enerxética e na loita contra este fenómeno, dada a súa maior proximidade á cidadanía, polo que lembrou que o reto do Goberno autonómico desde o momento en que asumiu a responsabilidade e o papel de coordinadora do movemento en Galicia, é lograr a adhesión ao pacto da práctica totalidade dos 313 concellos da comunidade.

En todo caso, a Xunta quere ir máis alá e a través da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, que se aprobará este verán, define o marco de actuación a medio e longo prazo co obxectivo de converter a Galicia nunha rexión climaticamente neutra en carbono antes do ano 2050. Este horizonte equipara á comunidade con outras nacións punteiras na loita contra o cambio climático, como é o caso de Suecia, Francia, Costa Rica ou Nova Zelanda.

Funcións da Oficina Técnica

A Oficina Técnica do pacto dos alcaldes foi activada pola Xunta a comezos deste ano para actuar como interlocutor directo cos concellos e servir de instrumento de apoio ás entidades locais para que coñezan o marco regulador, lexislativo e económico vixente, reciban asesoramento individual para aumentar a súa resiliencia ante o cambio climático e detecten posibles sinerxías con outros concellos. Desde que empezou a traballar, a oficina mantivo xa 100 reunións de traballo con municipios adheridos, que servirán de base para a elaboración dun inventario de emisións e avaliar a súa vulnerabilidade a nivel local.

As principais funcións desta entidade consisten en asesorar a todos os concellos, axudándolles a elaborar o seu propio Plan de Acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) para o cumprimento dos compromisos fixados pola UE de aquí a 2030 ou o seu Plan de adaptación; e a creación de redes entre concellos con similitudes xeográficas, co fin de poñer en marcha accións en común como vía eficaz para afrontar grandes retos globais, optar a apoios e financiamento e acadar metas que serían inalcanzables doutro modo.

Ao mesmo tempo, esta oficina tamén é a que canaliza, desde o momento en que o pleno municipal aproba a adhesión, o propio trámite para unirse ao pacto, cubrindo o formulario a través da web da UE, e encargándose dos posteriores traballos de carácter administrativo.

25 de xuño de 2019 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.