publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destina 6,4 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes para accións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta pon a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un orzamento de 6,4 millóns de euros para financiar, a través de préstamos sen xuros, actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas, así como a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se realiza a convocatoria para o presente exercicio do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes por parte dos concellos comezará mañá e rematará o 1 de outubro de 2019 ou no momento que se esgote o crédito orzamentario.

O obxectivo deste Fondo de cooperación é facilitar que os concellos acometan actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído, co obxecto de recuperar ámbitos en estado deficiente de conservación, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio en aras de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que poidan dispoñer dunha vivenda digna e axeitada.

Neste sentido, o Fondo contribuirá a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios das vivendas desatendan as súas obrigas. Nestes caso a normativa vixente permite aos concellos actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas, pero moitos concellos non exercen o seu dereito por non dispoñer do financiamento necesario, ao que agora poderán acceder, con xuro cero, a través deste Fondo de cooperación.

A través deste Fondo de cooperación, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) concederá préstamos sen xuros aos concellos para realización de diversas obras de rehabilitación de edificacións, co compromiso das administración locais de devolver as cantidades percibidas.

Con cargo ao fondo de cooperación poderán financiarse as seguintes actuacións:

- Actuacións promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.
- Actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.
- Adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

Os concellos interesados en solicitar financiamento do Fondo de cooperación deberán solicitar do IGVS a sinatura dun acordo de adhesión a dito Fondo no que constarán as actuacións a realizar polo concello, a contía a dispoñer, o prazo e condicións de reintegro e demais condicións para o acceso ao fondo.

Ningún concello poderá realizar unha solicitude de disposición nin acumular a través de diferentes acordos de adhesión máis do 25% do total do importe co que está dotado o fondo. Ademais, o concello solicitante deberá atoparse ao corrente das súas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia e comprometerse a incluír nos orzamentos dos exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, as anualidades previstas no acordo para a reposición dos fondos.

O Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes está dotado cun importe de 10 millóns de euros procedentes das fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasarán a integrarse novamente no Fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.

Nas convocatorias de 2017 e 2018 concedéronse préstamos por importe de 3,78 millóns de euros aos concellos de Parada de Sil, O Barco de Valdeorras, Rubiá, Xunqueira de Ambía, Ponteareas, Ribeira e Boiro para a rehabilitación e adquisición de diversas construcións.

24 de xuño de 2019 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.