publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Díaz Mouteira lembra aos vinte desempregados que participan nun obradoiro dual especializado en fruticultura a estreita ligazón entre a formación e as oportunidades laborais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBandeCelanovaLocal PortadaOurenseVerea
A-
A+
Marisol Díaz cos participantes do obradoiro

Marisol Díaz cos participantes do obradoiro

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o obradoiro dual ‘Pomares, fruticultura para revivir’ no que 20 desempregados contan cun contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses para especializarse en fruticultura e xestión da produción agrícola. As dúas especialidades impartidas no taller están orientadas á formación sobre a produción de mazá para a elaboración de sidra e outros produtos derivados, co obxectivo de desenvolver un futuro proxecto empresarial vinculado a este sector. Esta iniciativa de emprego é promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración cos Concellos ourensáns de Celanova, Bande e Verea.

Durante o desenvolvemento deste programa mixto de formación e emprego o alumnado está a realizar, entre outros, traballos preparación do terreo e de plantación de árbores froiteiras e outros produtos agrícolas, labores de cultivo e recolección, controlando as posibles pragas, enfermidades e fisiopatías.

A representante autonómica animou aos alumnos que están a participar neste taller a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brinda” e a seguir mellorando a súa cualificación para acceder a un posto de traballo. Ao fío, recordou que os obradoiros de emprego permiten, ademais, aos participantes recibir un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Na visita, Díaz Mouteira indicou que os obradoiros forman parte do compromiso do Goberno galego coa formación, xa que, segundo a delegada territorial, é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. A delegada territorial lembrou que a Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta liña de axudas e as entidades promotoras interesadas (concellos, mancomunidades de concellos e entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concellos) teñen de prazo para a presentación de solicitudes ata o 10 de xuño. Os Concellos Emprendedores seguirán tendo preferencia nesta iniciativa. Entre as novidades da convocatoria deste ano salienta que na valoración dos proxectos se terá en conta aquelas entidades solicitantes que non promovesen proxectos de obradoiros durante os catro anos anteriores.

Por segundo ano consecutivo ponse en marcha esta modalidade de obradoiros que, ademais dun contrato de formación e aprendizaxe de 9 meses, inclúe a posibilidade de que os desempregados poidan optar a tres meses máis a xornada completa, como mínimo, a un contrato laboral nunha empresa do ámbito territorial en que se desenvolva o obradoiro e na mesma especialidade en que se cualificaron. Deste xeito, a Xunta incentivará, para aqueles concellos que o soliciten, a contratación nas empresas. Así mesmo, e ao igual que na edición pasada, tamén se primarán os forestais e os específicos para mellorar o Camiño de Santiago.

Este tipo de programas mixtos de formación e emprego céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realizan. Tamén posibilitan que os participantes ademais de recibir formación tamén perciban o salario mínimo interprofesional.

13 de maio de 2019 | 16:11 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario