publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destaca a importancia de fomentar a economía social no medio rural galego aproveitando os seus propios recursos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllarizLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe as instalacións da parcela Valverde, situada no concello ourensán de Allariz e cedida á Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal). Estes terreos teñen unha superficie de algo máis de 176.000 metros cadrados, cun uso principal agrario. O conselleiro cualificou o traballo desta asociación como “modélico” no eido da integración social e puxo en valor o carácter multisectorial desta entidade, que aposta por facilitar a inserción laboral de persoas con discapacidade, a través do labor que se realiza nos centros especiais de emprego de iniciativa social e cos propios traballadores.

Nesta liña, José González salientou que no modelo de medio rural que defende a Xunta teñen cabida todos os colectivos sociais e especialmente aqueles que se esforzan por poñer en valor os recursos endóxenos do agro. Trátase, segundo advertiu, de impulsar un medio rural vivo e dinámico, que aposte pola rendibilidade económica, social e medioambiental.

Ademais, o conselleiro sinalou que Cegasal está presente en máis de 14 sectores produtivos, dende as artes gráficas ata a alimentación, pasando pola atención socio-sanitaria ou o transporte, e destacou que tamén traballa no eido dos servizos de xardinería, viveirismo e no sector agrícola e gandeiro. Polo tanto, engadiu que este tipo de entidades traballan a prol do rural galego, contribuíndo a xerar riqueza e emprego e rompendo barreiras sociais e económicas, polo que lles deu os parabéns e animounos a continuar nesta liña de traballo de cara ao futuro, para facer país, tamén dende a diversidade social.

Cegasal aglutina a centros especiais de emprego sen ánimo de lucro de Galicia, dando así maior visibilidade á economía social e ás iniciativas que aglutina. Creada no ano 1997 e cun crecemento responsable e sustentable, mantén como funcións principais da súa razón de ser a negociación colectiva no sector, o diálogo social, a participación institucional, a xestión económica ou a promoción empresarial.

Para impulsar este tipo de entidades, a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, puxo en marcha o pasado ano a primeira Estratexia de Economía Social de Galicia para promover o emprego das persoas con discapacidade.

3 de maio de 2019 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.