publicidade hoxe

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue aposta pola mellora e a calidade no servizo aos cidadáns coa renovación de dúas unidades móbiles

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) sacou a concurso público a adquisición de dúas novas unidades móbiles, destinadas a facilitar o acceso dos cidadáns á doazón de sangue, cun orzamento de 599.918 euros. O portal de contratación pública de Galicia recolle, dende o pasado 8 de maio, o concurso público para a subministración dos dous devanditos vehículos.

O prazo de execución do contrato é de catro meses dende a sinatura do mesmo, polo que ADOS estima que a posta en funcionamento das novas unidades móbiles terá lugar ao longo deste ano.

Estas novas unidades móbiles permitirán a modernización da actual flota de ADOS, que conta cun total de 11 vehículos que percorren diariamente a xeografía galega.

A Consellería de Sanidade e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, salientan a importancia da mellora na prestación do servizo aos cidadáns mediante a contratación destas novas unidades móbiles, lembrando que, na actualidade, case o 84% das 105.998 doazóns que se recollen anualmente en Galicia, rexístranse nestes vehículos.

Autonomía e comodidade

Os novos vehículos disporán de subministro eléctrico autónomo e sistema de climatización, así como a máis moderna tecnoloxía que garanta a máxima seguridade e confort para que os cidadáns poidan realizar a súa doazón de sangue.

Así mesmo, as unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, cunhas dimensións de 12,2 metros de lonxitude e 3,4 metros de altura, estarán divididas en tres espazos: unha área de recoñecemento médico, unha sala de doazón con capacidade para seis padiolas e un área de refrixerio.

15 de maio de 2019 | 15:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.