publicidade hoxe

Xunta e Oficina Española de Patentes informan sobre as novidades da Lei de Marcas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
A Xunta e a Oficina Española de Patentes informan sobre as novidades da Lei de Marcas

A Xunta e a Oficina Española de Patentes informan sobre as novidades da Lei de Marcas

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, abriu esta mañá a xornada de difusión sobre as novidades da Lei de Marcas, celebrada na sede de Gain en Santiago de Compostela. Na inauguración do evento participou tamén o director da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM), José Antonio Gil, organismo que colabora na organización.

Argerey destacou a importancia de protexer a actividade innovadora, materializada en novos produtos, procedementos ou deseños, así como de loitar contra as falsificacións, co obxectivo de premiar a aquelas empresas e organismos que invisten en I+D+i e dedican os seus esforzos a poñer no mercado produtos innovadores e vangardistas.

Na xornada, ademais de presentar as principais novidades na Lei de Marcas, tratouse tamén o papel da OEPM na loita contra as falsificacións e expuxéronse os servicios que ofrece o Servicio Galego de Propiedade Industrial (Segapi).

Modificacións na Lei de Marcas

Como consecuencia da transposición dunha directiva europea relativa á aproximación das lexislacións dos estados membros neste materia, o pasado 14 de xaneiro de 2019 entrou en vigor o Real Decreto-Lei 23/2018, do 21 de decembro, polo que se modifica, entre outras, a Lei 17/2001, do 7 de decembro, de Marcas. A nova redacción introduce matices no relativo á marca ou nome comercial notorio e renomeada, ao concepto de marca, aos dereitos conferidos polo rexistro ou ao aspecto procedimental. Con esta nova regulación preténdese unha maior protección dos titulares dos dereitos, a harmonización das normativas estatais e da Unión Europea e a axilización dos procedementos.

No relativo á marca ou nome comercial notorio e renomeada, pasa a denominarse unicamente como a do renome de España ou da Unión Europea. En canto ao concepto de marca, unicamente se esixe que o signo sexa susceptible de representación no rexistro, xa non é necesario que sexa exclusivamente gráfico, con esta nova redacción poderíase abrir a vía doutras marcas como as olfativas ou sonoras, entre outras.

En canto aos dereitos conferidos polo rexistro, inclúese a cláusula que establece que “os dereitos conferidos pola marca deben entenderse sen prexuízo dos dereitos adquiridos polos titulares antes da data de presentación da solicitude de rexistro ou da data de prioridade da marca rexistrada”. Outórgase, igualmente, ao titular do dereito marcario a facultade de exercitar os dereitos conferidos contra mercadorías procedentes de terceiros países que aínda que non sexan comercializadas libremente, teñan un signo idéntico.

Finalmente, as novidades no aspecto procedimental son as máis relevantes, nos casos de oposición ao rexistro de marca poderase esixir ao opoñente proba que acredite o uso da marca anterior e o coñecemento das causas de nulidade e caducidade serán competencia da Oficina Española de Patentes e Marcas.

Servicio Galego de Propiedade Industrial

Esta xornada informativa enmárcase nas actividades de fomento da propiedade industrial que vén realizando Gain en colaboración coa OEPM desde o ano 2004 co obxectivo de difundir a información tecnolóxica obxecto de rexistro, así como promover un maior e mellor coñecemento, protección e cumprimento dos dereitos da propiedade industrial na nosa Comunidade.

Para elo, a Xunta de Galicia conta co Servicio Galego de Propiedade Industrial (Segapi), dependente da Axencia Galega de Innovación, que permite rexistrar, ao amparo dun convenio de colaboración asinado coa Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM), todos os títulos de propiedade industrial e calquera documentación necesaria para solicitar ou manter os seus dereitos; ofrece asesoramento e información sobre cuestións relacionadas coa propiedade industrial e realiza buscas de información tecnolóxica (Informes de Patentes; Informes de Marcas e Informes de Deseños).

8 de abril de 2019 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.