publicidade hoxe

Xunta e a Asociación Galega de Artesáns reforzan a marca Artesanía de Galicia como sinónimo internacional de calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o presidente da Asociación Galega de Artesáns (AGA), Manuel González, presentaron hoxe na Coruña o convenio de colaboración entre a Xunta e esta entidade para reforzar a marca Artesanía de Galicia como sinónimo de calidade e prestixio a nivel nacional e internacional.

Tal e como sinalou Sol Vázquez, no sector artesán galego traballan hoxe máis de 5.000 persoas, vinculadas tanto a obradoiros como a tendas físicas e tendas en liña, destacando que máis de 3.000 persoas contan coa carta de artesán e que hai máis de 635 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, e que poden, polo tanto, usar unha marca que achega valor engadido aos seus produtos.

Mediante o acordo presentado hoxe, AGA encargarase da edición, almacenamento e distribución do material de empaquetado e etiquetaxe no que se utilice o distintivo Artesanía de Galicia, incluíndo a xestión personalizada das novas etiquetas intelixentes coas que contarán os produtos artesáns galegos. Estas levarán incorporado un sistema de código QR con información dixital sobre a persoa artesá e o produto, o proceso de elaboración, e os materiais.

A actuación presentada hoxe é a continuación da colaboración entre a Xunta e a Asociación Galega de Artesáns, que se renova trala aprobación da nova orde que que regula o procedemento para a concesión, uso e control da marca Artesanía de Galicia.

Esta normativa permite afondar na simplificación administrativa, suprimindo a necesidade de que os obradoiros de artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía teñan que solicitar formalmente o uso da marca. Simplifícanse tamén os trámites para solicitar o uso da marca por parte dos establecementos comerciais, que unicamente deberán presentar unha declaración responsable de que cumpren cos requisitos esixidos, e acreditar estar dados de alta no imposto de actividades económicas.

A orde tamén reforza a presenza de Artesanía de Galicia na comercialización dos produtos artesáns, actualizando o manual de uso da marca, que inclúe o novo deseño das etiquetas intelixentes. Establécense ademais novos deseños de packaging e introdúcense elementos de identificación e sinaléctica para feiras e outros eventos artesanais, así como a regulación dos elementos de sinalización dixital.

8 de abril de 2019 | 16:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.