publicidade hoxe

O Sergas reitera que a súa oferta ao persoal dos PAC recolle a inmensa maioría das reinvidicacións deste colectivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde mantén a proposta ofertada aos Puntos de Atención Continuada e fai un chamamento ás organizacións sindicais e representantes dos traballadores para que reconsideren a súa postura. O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña reitera que o documento presentado na última reunión recolle a inmensa maioría das reivindicacións solicitadas. En concreto, o Sergas lembra que ofertou nove das once medidas plantexadas polas organizacións sindicais.

Entre estas medidas, o Sergas ofertou o incremento retributivo pola realización de noites e festivos/domingos nun 20%, o que suporá para un médico 10 euros máis por cada noite, e por cada festivo/domingo un total de 58 euros máis. Esta medida suporía de media un incremento de 600 euros anuais pola realización de noites, e 1.400 anuais máis por festivos/domingos.

Ofertouse, tamén, o abono de dúas dietas de manutención en domingos e festivos, que se ampliou a cando o servizo sexa de 24 horas, polo que se mellorou a petición inicial. Igualmente, atendeuse a petición de dispoñibilidade de uniformidade suficiente, con imaxe corporativa única e equipos de protección individual (EPI) das mesmas características que os empregados polo 061.

Outra das reivindicacións ofertadas polo Sergas é a maior participación do profesional na fixación de obxectivos do servizo, coa eliminación do indicador de derivación hospitalaria como obxectivo do servizo vinculado á produtividade; ou a aplicación da neutralidade das situacións de incapacidade temporal e permisos retribuídos, de forma que non teñan incidencia na liquidación da xornada complementaria.

En relación co incremento de persoal, aceptouse a garantía de reforzos de profesionais que sexan necesarios tendo en conta criterios obxectivos como a sobrecarga asistencial, distribucion etaria, dispersión, desprazamentos ou outras circunstancias que o xustifiquen. Tamén aceptouse a dotación de equipos completos de profesional medicina/enfermería e realización no último trimestre deste ano dunha análise da dotación de novas prazas no marco global da atención primaria.

27 de marzo de 2019 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.