publicidade hoxe

O 061 de Galicia manifesta novamente a súa máis firme condena ás sabotaxes sufridas polas ambulancias do sistema público de urxencias e emerxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 manifesta novamente a súa máis firme condena ante as sabotaxes realizadas contra as ambulancias, que conforman o sistema público de urxencias e emerxencias, producidas durante a terceira convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado día 4 ás 00,00 horas e que está previsto se manteña ata ás 23,59 horas do próximo domingo, 10 de marzo. A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100%.

Picadas nas rodas

Desde as 12,00 horas do día 7 e ata ás 12,00 de hoxe, 8 de marzo, rexistráronse picadas nas rodas de dúas ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (SVA) con base no concello de Vigo e 21 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) con base nos concellos de Vigo (sete ambulancias), Redondela (dúas ambulancias), Negreira, A Guarda, O Porriño, Noia, Negreira, Cangas do Morrazo, Ponteareas, Melide, Curtis, Baiona, Tui e Arbo. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer novamente un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.

8 de marzo de 2019 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.