publicidade hoxe

‘Firma e Filme’ reúne unha vintena de produtoras e editoriais na procura de adaptacións audiovisuais de obras literarias galegas

Anxo Lorenzo na benvida aos participantes

Anxo Lorenzo na benvida aos participantes

Os representantes dunha vintena de empresas galegas dos sectores audiovisual e editorial participan hoxe no programa Firma e Filme, que está a desenvolver a súa terceira edición na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo volve organizar esta iniciativa en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación Galega de Editoras (AGE) co fin de promover a posta en marcha de novos proxectos de adaptación cinematográfica ou televisiva de obras literarias galegas.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, deulles a benvida na Sala Eisenman aos representantes das empresas participantes este ano, que teñen previsto desenvolver arredor de 40 reunións bilaterais durante toda a xornada. Participan, entre outras, as produtoras audiovisuais Miolos Filmes, Agallas Films, Ollovivo, Abano producións, Milana Bonita, CTV, Ficción Producciones e Frida Films e as editoras Xerais, Galaxia, Baía Edicións, Edicións Fervenza, Toxososutos, Positivas, Edebé, Tandaia e Urco.

Esta nova edición de Firma e Filme arrancou cunha convocatoria para as editoriais a raíz da que a Agadic recibiu 32 propostas de libros de diferentes xéneros e estilos susceptibles de seren levados ás pantallas en calquera formato ou xénero: animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romántico, suspense, terror, thriller, etc.

A continuación, un equipo de analistas de guión encargouse do estudo e informe dos textos para avaliar as súas posibilidades de adaptación cinematográfica ou televisiva. A partir desta análise e tras a posta en común coas empresas audiovisuais inscritas daqueles títulos que mellor encaixan coa súa liña de traballo, a organización deseñou o programa de xuntanzas que se está a levar a cabo na Cidade da Cultura.

27 de marzo de 2019 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.