publicidade hoxe

Ábrese o prazo para solicitar o Bono Coidado que este ano pode dedicarse tamén ao pago de servizos de coidado infantil fóra do domicilio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A secretaria territorial da Xunta na Coruña, Patricia Rodriguez, visitou esta mañá a Escola Infantil das Mariñas e informou que xa está aberta a convocatoria para solicitar o Bono Coidado para as familias que precisan dun apoio puntual para contratar a unha persoa para o coidado dos seus fillos.

Ademais, como principal novidade o representante do goberno autonómico informou que “este ano a orde amplía as opcións para que os pais e nais poidan destinar esta axuda a pagar o custe dun servizo de coidado infantil non continuado, como por exemplo as ludotecas ou outros espazos infantís de carácter privado”. Neste senso, apuntou, que “en anos anteriores esta orde só permitía recibir axudas para servizos domiciliarios, con esta ampliación queremos mellorar as coberturas para facilitar aínda máis a conciliación”.

Patricia Rodríguez informou que o Bono Coidado cubre situacións moi variadas como que os nenos e nenas estean enfermos ou que non poidan ser coidados pola persoa que o fai habitualmente, ben sexa por doenza do coidador ou por distintas circunstancias puntuais de carácter laboral deste, como poden ser a asistencia a entrevistas de traballo ou a realización de cursos de formación. A secretaria territorial destacou que “é unha axuda para as familias que por necesidades puntuais derivadas das obligacións laborais, persoais ou de responsabilidades familiares precisen conciliar”.

O Bono Coidado conta cun orzamento inicial de 1,2 millóns de euros (ampliables para atender todas as solicitudes que se reciban) e del poderán beneficiarse as persoas con nenos e nenas menores de 12 anos que residan en Galicia e que conten cunha renda da unidade familiar que non supere os 45.000 euros ou os 13.500 euros per cápita.

A contía da axuda estará determinada polos seguintes tramos segundo a renda per cápita familiar: ata os 3750 euros obterán unha axuda de 14 euros por hora de servizo a contratada, ata os 7.500 euros será de 11 euros por hora, as familias con renda per cápita ata os 10.000 euros terán unha achega de 9 euros por hora de coidador e para aquelas de máis de 10.000 euros, e sempre que non supere o tope establecido, a subvención por hora de servizo de coidador contratada será de 7 euros. Ademais, as mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán en todo caso a contía máxima da axuda con independencia da renda per cápita familiar.

A Xunta subvencionará un máximo de 80 horas por familia para o totalidade do período de vigor da convocatoria, que cubrirá os servizos recibidos entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019. O número de horas incrementarase un 15% por cada rapaz menor de doce anos.

Xestión Administrativa

Os proxenitores interesados nesta axuda poden inscribirse cando se abre a convocatoria nunha bolsa de horas, que contempla un máximo de 80 salvo en familias con máis dun fillo, nese caso elévase a 92.

O abono farase efectivo logo de achegarlle á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente a solicitude e as facturas orixinais da contratación do servizo acompañadas do xustificante bancario que acrediten o seu pagamento, aínda que tamén se aceptará a xustificación do pagamento en efectivo do servizo mediante un recibín do coidador. Deberase presentar tamén xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda.

Esta é a segunda vez que se pon en marcha unha actuación destas características na nosa Comunidade Autónoma co propósito de mellorar as posibilidades de compaxinar as responsabilidades laborais coas persoais e familiares e crear contornas favorables para o libre desenvolvemento das familias. Conta cun orzamento de 3 millóns de euros, correspondendo 750.000 euros ao 2017 e 2.250.000 euros ao 2018.

O programa Bono Coidado constitúe un recurso máis da área de conciliación do Programa de apoio á natalidade PAN (PAN-Concilia), como son a Rede de Escolas Infantís dependente da Administración autonómica e as preto de 2.700 prazas financiadas en escolas infantís de iniciativa social. Tamén doutras iniciativas postas en marcha no marco do PAN como o programa do Bono Concilia, a apertura de escolas infantís en polígonos industriais ou a creación de Casas Niño no rural.

26 de marzo de 2019 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.