publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta participa nun simulacro de accidente aéreo no aeroporto de Santiago de Compostela

Simulacro de accidente

Simulacro de accidente

A Xunta participou hoxe nun simulacro de accidente aéreo que tivo lugar no aeroporto de Santiago de Compostela co obxectivo de analizar a coordinación dos distintos colectivos que actuarían ante unha emerxencia destas características e avaliar a capacidade de resposta e os procedementos establecidos no seu Plan de autoprotección.

O simulacro realizouse no exterior do aeroporto, polo que non supuxo ningunha afectación á operativa habitual das instalacións.

O exercicio, no que participaron 200 persoas, simulou o accidente dun avión que, cando vai despegar, sufre un fallo nos motores e cae, o que provocaría graves danos estruturais e lume. O exercicio artellouse ao redor da posibilidade de que o avión sinistrado estivese ocupado por 47 persoas, das que cinco serían membros da tripulación, e que se rexistrasen varios falecidos, feridos de diversa consideración e que outra parte da pasaxe resultase ilesa.

Ante unha situación destas características e seguindo os protocolos, activouse o Plan de autoprotección do aeroporto, declarando a emerxencia aeronáutica; e, por parte da Xunta, activouse o Plan territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel 2, que estivo dirixido in situ polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, a quen corresponderían estas funcións.

No exercicio, incluíuse o aviso aos bombeiros para controlar o incendio e evacuar aos ocupantes; o traballo dos efectivos sanitarios, que clasificaron os feridos, simularon o traslado dos graves aos centros hospitalarios, e atenderon aos leves nunha sala habilitada no aeroporto, onde recibiron atención psicolóxica.

Ademais, unha parte importante do simulacro centrouse no que sería a atención aos familiares das vítimas, para os que se habilitou tamén outra sala asistida por persoal psicólogo e pola figura do PECO (Persoa de contacto para atención a familiares e vítimas) e do RAAV (Responsable de atención a vítimas do aeroporto), segundo o marco normativo na materia. Ante accidentes destas características, adoitan desprazarse varios familiares ata o enclave, de aí que sexa importante verificar os protocolos e procedementos neste ámbito.

Organismos implicados

No simulacro participaron máis de 200 persoas, entre figurantes e persoal dos distintos organismos e colectivos implicados.

Ademais dos medios internos do aeroporto (bombeiros, centro de coordinación, empregados, ou forzas e corpos de seguridade presentes na instalación, entre outros), tamén se mobilizaron como medios externos a Dirección xeral de Emerxencias e Interior, o Imelga, a Axencia Galega de Emerxencias, as Urxencias Sanitarias de Galicia 061, a Delegación de Goberno de Galicia, a Cruz Vermella, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Protección Civil de Santiago de Compostela, bombeiros e policía local da capital galega, bombeiros do consorcio provincial da Coruña, Policía Nacional, Garda Civil, Xulgado de instrución nº1, e alumnado do ciclo formativo de grao medio de Emerxencia Sanitarias e do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela.

20 de marzo de 2019 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.