publicidade hoxe

A Xunta limitará a cantidade de residuos orgánicos que poderá recibir o vertedoiro de Grixoa en Miramontes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención parlamentaria de Ángeles Vázquez

Intervención parlamentaria de Ángeles Vázquez

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá que o departamento que dirixe vén de limitar de xeito drástico a cantidade de residuos orgánicos que poderá recibir o vertedoiro de Grixoa en Miramontes, co obxectivo de que se eviten as molestias por cheiros que se rexistran na contorna. Ángeles Vázquez interviu esta mañá no Pleno do Parlamento para informar das políticas en materia de xestión de residuos, que apostan por unha xestión moderna, eficiente e eficaz.

A conselleira explicou que a decisión anunciada no Pleno do Parlamento adóptase en base a tres informes que revelan a mesma conclusión, o potencial impacto odorífico que ten o vertedoiro sobre os núcleos habitados máis próximos (Vilas, Roán e Sura).

Esta determinación foi notificada xa á empresa que, a partir de abril, non poderá admitir nesta instalación ningún residuo con carga orgánica que supere un contido en carbono orgánico disolto (COD) igual a 800 mg/kg, é dicir, aqueles residuos nos que a súa porcentaxe en materia orgánica supere un 10% do seu peso. Segundo explicou a conselleira, isto significa que 250 toneladas de residuos deixarán de entrar no vertedoiro, o que supón un 45% da entrada actual.

Ángeles Vázquez explicou que a Xunta de Galicia aplica as máis altas esixencias na xestión dos residuos e faino con todas as empresas que interveñen no proceso. Nese sentido, reiterou que a Consellería estará vixiante para que a empresa cumpra con esta resolución, coas correspondentes inspeccións para comprobar que se están a adoptar ditas medidas que -no caso de non facelo- implicará o inicio dun expediente sancionador.

Recordou que estas medidas únense ao traballo xa realizado pola Consellería para que a entidade implante as medidas correctoras e preventivas no vertedoiro para reducir ao mínimo inevitable os cheiros denunciados polos veciños da zona.

As políticas de residuos en Galicia

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que apostar por unha xestión moderna, eficiente e eficaz, require camiñar cara unha transformación consciente e progresiva cara un novo estilo de vida respectuoso, sostible e circular.

Reiterou que o obxectivo do Goberno galego é converter á Comunidade galega nun referente polas políticas activas e responsables na xestión de residuos. Para acadar dito fito, trabállase en catro eixos de actuación, como a actualización do marco normativo co que contamos en Galicia para adaptalo aos novos tempos e esixencias, como é a nova Lei de residuos e solos contaminados, que hoxe mesmo remata o período de consultas previas e que recolleu 14 suxestións.

Recordou que entre as novidades máis destacadas está a loita contra o desperdicio alimentario, incrementar progresivamente os residuos destinados á preparación e reutilización, instaurar a recollida separada dos biorresiduos ou prohibir a venta de vaixela dun só uso.

Ángeles Vázquez reiterou unha vez máis de Galicia conta cun gran referente na materia como é o complexo medio ambiental de Sogama, un modelo de éxito e de referencia e que se consolida día a día. Trátase dunha planta baseada na tecnoloxía 4.0 que permite separar ata 11 tipos de residuos e que o vindeiro ano acadará o denominado vertido técnico cero, é dicir que só se derivará ao vertedoiro a parte do lixo que non se pode reciclar ou valorizar enerxeticamente, adiantándose 15 anos a un dos obxectivos máis ambiciosos que marca Europa.

Outra das liñas de actuación centrase na correcta xestión dos residuos, tanto os urbanos como o xerados polas industrias, actuando en todos eidos posibles, para reducir o impacto que teñen sobre o medio ambiente. Destacou a orde de axudas destinadas aos concellos para a posta en marcha de puntos limpos móbiles e para iniciativas para a implantación da recollida separada da fracción orgánica dos biorresiduos; mentres que para o sector industrial se fará especial fincapé na xestión dos residuos de construción, na xestión de aceites usados ou na xestión de buques ou embarcacións ao final da súa vida útil.

Ángeles Vázquez salientou que a sensibilización e a concienciación da sociedade galega sobre a importancia da redución da xeración de residuos, a reutilización e a reciclaxe é outra eiva fundamental. A sociedade galega ten mudado e avanzado pasos importantes neste eido, tal e como demostran os datos de reciclaxe de vidro de 2018, que experimentaron un crecemento de case 10 puntos sobre os datos do ano anterior; pero con todo compre seguir traballando e mellorando neste eido.

26 de marzo de 2019 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.