publicidade hoxe

A Xunta convoca un certame para premiar aos empregados públicos comprometidos coa innovación na prestación de servizos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), o primeiro Premio aos empregados públicos innovadores, co obxectivo de recoñecer as persoas comprometidas cunha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora, capaz de mellorar a prestación dos seus servizos cunha maior cobertura e equidade. A iniciativa busca impulsar a compra pública innovadora (CPI), un instrumento que fomenta a innovación a través da contratación por parte da Administración de novas solucións e produtos.

Co convencemento de que son as persoas as que constrúen a innovación nas organizacións, esta iniciativa xorde co obxectivo de motivar, sensibilizar e incentivar aos empregados públicos que participan de forma activa nos diferentes procesos da innovación.

Poden postularse a estes recoñecementos todos os empregados públicos da Xunta de Galicia e os seus entes instrumentais, tanto de xeito individual como en grupos de dúas a cinco persoas. Segundo a convocatoria, establécense dúas categorías. Na categoría de identificación de oportunidades, onde se deberá detallar e definir unha problemática, así como o interese que tería a resolución da mesma, o gañador conseguirá un asesoramento personalizado no que se identificarán fontes de financiamento a nivel europeo e nacional, e se elaborará o material necesario para a solicitude de financiamento.

Por outra banda, na categoría de proxectos innovadores, na que se recoñecen iniciativas xa realizadas ou en curso, existen dúas subcategorías: a temática máis innovadora e a mellor actitude innovadora. Para ambos os dous aspectos recoñecidos, poderán optar a gañar unha visita a un laboratorio de innovación internacional. Tamén poderán participar nun curso personalizado en innovación.

Con este certame, cuxa información se pode consultar de xeito pormenorizado na web de Gain, foméntase a compra pública innovadora (CPI), unha ferramenta que permite a mellora dos servizos que se prestan á cidadanía ao tempo que se estimula a competitividade empresarial.

7 de marzo de 2019 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.