publicidade hoxe

A BFA obtén o premio á boa práctica 2018 da Asociación Europea de Axencias de Desenvolvemento Rexional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través do director do Igape, Juan Cividanes, recolleu en Bruxelas, xunto ao xerente do Clúster da Automoción de Galicia (Ceaga), Alberto Cominges, o premio á boa práctica de carácter excepcional do ano 2018, outorgado á Business Factory Auto (BFA) na categoría de non socios na cuarta edición dos Eurada Awards.

O galardón, concedido pola Asociación Europea de Axencias de Desenvolvemento Rexional (Eurada), recoñece o bo facer da aceleradora galega do sector da automoción, que ten como obxectivo a posta en marcha e consolidación de proxectos especializados e a súa transformación en empresas innovadoras.

A BFA, impulsada pola Xunta, en colaboración con Ceaga, PSA e o Consorcio Zona Franca, convértese así na primeira incubadora galega en obter este recoñecemento, que ten como obxectivo identificar e dar a coñecer a nivel internacional iniciativas novidosas postas en práctica por membros da Eurada e doutras axencias de desenvolvemento europeas, que impulsen o emprendemento e o crecemento económico e tecnolóxico.

A Eurada, que busca favorecer o intercambio de boas prácticas, a cooperación transnacional e a promoción do concepto de axencia de desenvolvemento rexional, quixo nesta cuarta edición dos premios destacar o alto nivel do impacto implementado polas axencias para fomentar a competitividade das empresas nos seus territorios. Ademais da BFA, tamén foi premiada na mesma categoría a Axencia de Dixitalización de Wallonia, en Bélxica.

Con este premio, a aceleradora galega da automoción suma outro recoñecemento ao seu labor. En 2018, foi nomeada como regional partner nos Startup Europe Awards e galardoada como proxecto mellor difundido nos premios á colaboración empresarial entregados no marco do VI Congreso Nacional de Clusters, e como mellor práctica, recoñecida pola Asociación de Parques Tecnológicos y Empresariales de España.

A BFA, que celebra a súa terceira edición coa participación de 20 iniciativas, ten como finalidade crear un polo de innovación baseado no emprendemento innovador no sector da automoción. Esta business factory impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria forma parte da plataforma StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras nas que están presentes, ademais da automoción, os sectores aeronáutico, biotecnolóxico e alimentario, entre outros, e que leva apoiado preto de 900 proxectos de emprendemento nos últimos cinco anos.

27 de marzo de 2019 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.