publicidade hoxe

A Xunta ten en marcha un Plan de reforzo e mellora da seguridade dos edificios xudiciais de Galicia coa instalación de novos sistemas de videovixiancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, indicou hoxe na Cámara galega, que o Goberno galego porá en marcha un Plan de reforzo e mellora da seguridade dos edificios xudiciais de Galicia, coa renovación dos sistemas vixilancia nos edificios xudiciais das cidades e a dotación naqueles partidos xudiciais que conta cun número maior de órganos.

Segundo indicou Juan José Martín, a Xunta está a realizar un esforzo moi importante para mellorar os recursos a disposición da Administración de Xustiza en Galicia, polo que ao longo dun plan a 3 anos abordaranse novos investimentos que consistirán na instalación de cámaras nos edificios e, de modo escalonado, a instalación de escáners e arcos detectores

Polo que tal e como relatou, o plan comprende unha primeira actuación, sobre os CCTV (circuítos cerrados de televisión, cámaras e a súa interconexión) das cidades e edificios de partidos xudiciais de 4 e 3 órganos xudiciais, unha segunda coa dotación de escáneres e arcos detectores de metais nos anteriores edificios e máis a dotación de cámaras nos restantes edificios de partidos xudiciais de maior poboación e, unha terceira, na que se estenderán estas dotacións aos edificios doutros partidos xudiciais.

Convenio Ministerio do Interior

O director xeral lembrou que dende o ano 2006, a Xunta e Ministerio de Interior asinan anualmente un convenio para garantir a seguridade dos edificios e instalacións xudiciais dependentes da Xunta de Galicia a través da vixilancia e protección con persoal, tanto da Policía Nacional como da Garda Civil, co obxectivo de aproveitar a experiencia destes efectivos, concretamente o persoal do Corpo da Policía Nacional en condicións de incorporarse á segunda actividade e teñan un mínimo de 25 anos efectivos de servizo activo, e o persoal da Garda Civil en situación de reserva, que voluntariamente queiran prestar o devandito servizo de vixilancia e protección.

A prestación do servizo de vixilancia é desempeñado por 203 efectivos da Policía Nacional e da Garda Civil e conta cun investimento por parte do Goberno galego de 1,5 millóns de euros anuais para que custodien diversos edificios xudiciais repartidos en 45 localidades galegas.

Neste senso, o director xeral insistiu e demandou do Goberno central que cumpra co convenio asinado, tanto no aboamento dos salarios pendentes como na cobertura das prazas vacantes polos membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan na seguridade dos edificios xudiciais galegos.

6 de febreiro de 2019 | 15:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.