publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os ‘Trens turísticos de Galicia’ estrearán a nova ruta polos camiños de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe en Fitur as novidades da sétima edición dos Trens turísticos de Galicia, unha das propostas de máis éxito dos últimos anos e que este ano incorporará unha nova ruta polos Camiños de Santiago para descubrir gran parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Inglés, do Camiño do Norte, do Camiño Francés e do Camiño Primitivo.

O expositor de Galicia na 39ª edición de Fitur, en Madrid, acolleu a presentación, na que tamén participaron o xerente da Área Comercial de Renfe, Escolástico González López, e o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, as tres institucións que fan posible os Trens turísticos de Galicia.

O novo itinerario que botará a andar por vez primeira nesta edición achegará aos viaxeiros á realidade viva da peregrinación xacobea. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) achegarase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de Samos (Camiño Francés). Percorrerá así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia e, como explicou Nava Castro, reforzará á Ruta dos Mosteiros, iniciada a temporada pasada, ao incluír neste novo itinerario “dous importantes exemplos do extenso e rico patrimonio monacal galego, ambos estreitamente vinculados aos camiños xacobeos de peregrinación”.

Preto de 60 saídas

A nova edición dos Trens Turísticos de Galicia manterá presentes as xa coñecidas Ruta dos Faros, Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, Ruta da Lamprea, a Ruta Ourense Termal e Versalles galego, os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra –en ambos os dous ríos, Sil e Miño–, O Ribeiro e Valdeorras), así como a Ruta dos Mosteiros que, tras o éxito do ano pasado co 100% de ocupación, duplicará as súas saídas nesta edición.

En total, os viaxeiros poderán desfrutar nesta edición de ata 12 itinerarios temáticos diferentes, que farán un total de 57 saídas entre os meses de xuño e outubro e que suman máis de 16.000 quilómetros de percorridos polas catro provincias.

O mellor ano da súa historia

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia puxo de manifesto o crecente atractivo desta iniciativa impulsada conxuntamente pola Consellería de Cultura e Turismo, Renfe e o Inorde. De feito, como recordou, en 2018 pechou temporada cun 93% de ocupación, a mellor da súa historia e con preto de 2.300 viaxeiros.

O ano pasado acadouse o 100% de ocupación en tres das 12 rutas programadas: a Ruta dos Faros, da Ruta da Ribeira Sacra do Sil e a Ruta dos Mosteiros. Por riba do 90% estiveron itinerarios como o da Ribeira Sacra do Miño, así como a Ruta das Rías Baixas, a Ruta da Lamprea, a Ruta do Viño de Monterrei ou a Ruta dos Viños de Valdeorras. Pola súa banda, a Ruta polos Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, a Ruta Ourense Termal e Versalles galego, así como a Ruta dos viños do Ribeiro-Rías Baixas e a Ruta Lugo Romano alcanzaron ocupacións de entre o 70 e o 80%.

Alta satisfacción dos usuarios

Os Trens Turísticos de Galicia reveláronse un ano máis como unha das mellores opcións tamén para usuarios de distintas partes do mundo, que chegaron de seis países de Europa, así como de Asia, África ou América. A eles uníronse os usuarios procedentes de ata 15 comunidades autónomas. Ademais, preto do 97% recomendou a experiencia, o que avala o éxito desta iniciativa que combina natureza, termalismo, enogastronomía e cultura.

24 de xaneiro de 2019 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.