publicidade hoxe

Os concellos do Salnés recibiron preto de 16 millóns de euros nos últimos 4 anos do fondo de cooperación local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPortada esquerda
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, informou esta mañá que a comarca do Salnés recibe ao ano preto de 4 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local (FCL) para obras e servizos da súa competencia. Unha cantidade á que hai que sumar outras liñas de axuda e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.

Así, os municipios de Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove, Meis, Ribadumia, Vilanova e A Illa de Arousa recibiron nos últimos catro anos 16 millóns de euros procedentes do FCL, que se abona en 12 mensualidades e a mes vencido. En canto a fórmula de distribución, o reparto faise en base a criterios obxectivos pactados previamente coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A Xunta de Galicia distribúe ao ano entre os concellos pontevedreses máis de 30,5 millóns de euros, unha dotación orzamentaria que se mantivo intacta durante os anos de recesión, nos que as contas autonómicas minguaron considerablemente.

Asemade, nos orzamentos do 2019 a Xunta aumenta a dotación deste programa ata os 128,7 millóns de euros, 3,1 millóns máis que no pasado exercicio.

De feito, tal e como explicou Cores Tourís, no 2019 se culminará o proceso iniciado neste exercicio a través do que a Xunta compensa a aqueles concellos que teñen gastos derivados do mantemento do centros de saúde. Ademais, créase un fondo de emerxencias dotado con 1,9 millóns de euros.

Por outro lado, nos Orzamentos da Xunta para 2019 tamén se ampliará o fondo especial para o fomento das fusións voluntarias entre os concellos galegos, cunha partida de 1,8 millóns de euros, un 38% máis que este ano (1,3%). Dito fondo, creado no exercicio de 2016, enmárcase na aposta da Xunta por beneficiar aos concellos que aposten por sumar esforzos e fusionarse, e vai na liña doutras medidas postas en marcha polo Goberno galego para fomentar a cooperación entre municipios.

Tamén se apoia a aposta do municipalismo galego de colaborar na limpeza de franxas forestais como medida de prevención dos incendios forestais cunha dotación anual de 10 millóns de euros, dos que a Xunta aporta as tres cuartas partes -7,5 millóns-. Outra medida é a implantación dunha vía de colaboración para contribuír a financiar o custe dos conservatorios que neste momento sosteñen os concellos con 500.000 euros.

Finalmente, mantense a partida de 145.000 euros para os municipios que contan con centros penitenciarios; así como a contía destinada a colaborar coas FEGAMP nos gastos xerais.

22 de xaneiro de 2019 | 15:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.