publicidade hoxe

O Sergas ten activos os plans de continxencia da gripe en todas as áreas sanitarias para atender o incremento da demanda asistencial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde ten activados os plans de continxencia para atender o incremento da demanda asistencial ou aumento da necesidade de ingreso hospitalario con motivo da actividade gripal. O obxectivo é establecer a coordinación entre servizos e recursos de atención primaria e hospitalaria así como con Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para optimizar a atención á gripe e ás súas posibles complicacións. Os datos dos sistemas de vixilancia indican esta semana unha actividade gripal en ascenso que reflicte o comezo da onda epidémica desta tempada.

Os Plans oriéntanse ao fortalecemento de actuacións de valoración preventiva desde Atención Primaria dos pacientes de maior complexidade e maior risco (como os pluripatolóxicos ou pacientes fráxiles), así como a habilitación de dispositivos para o seu manexo e control. Establécense varios niveis de actuación como medidas preventivas e medidas de actuación ante o incremento da demanda de hospitalización.

En concreto, entre as medidas destaca a mellora do control e seguimento dos pacientes diana en atención primaria, e nos servizos de neumoloxía e medicina interna e tamén ofrecer información aos profesionais dos Puntos de Atención Continuada e do 061 para mellorar as derivacións a urxencias hospitalarias. Os Plans tamén inciden na mellora da dispoñibilidade de dispositivos ambulatorios o tratamento das persoas que así o necesiten a través do hospital de día e con consultas de diagnóstico rápido en medicina interna. Tamén se procede a reforzar as diferentes quendas de profesionais nos diferentes servizos segundo a demanda e establécense sistemas de monitorización permanente para coñecer os ingresos con diagnóstico gripe e a súa evolución.

O Sergas mantén as plantillas de urxencias ao 100%, ademáis da posibilidade de reforzar se é necesario con persoal facultativo, de enfermería e de celadores tanto en urxencias como nos servizos de hospitalización e 061.

Campaña de vacinación remata o vindeiro venres

A vacinación é a medida principal para evitar a enfermidade, por iso a Consellería de Sanidade decidiu prorrogar ata o vindeiro día 25 de xaneiro a campaña de vacinación da gripe. Todas aquelas persoas que o desexen e non o teñan feito, aínda están a tempo de vacinarse nalgún dos 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade, coma os centros de saúde e os hospitais do Servizo Galego de Saúde. Tamén en centros sanitarios privados ou residencias da terceira idade entre outros.

Dende o inicio da campaña o día 22 de outubro e ata o día 15 de xaneiro vacináronse un total de 558.468 vacinas, o que supón 28.247 doses mais que o ano pasado. No caso concreto das persoas de 65 ou máis anos, están xa vacinadas 390.681 persoas. Isto supón que hai 8.763 persoas máis vacinadas neste grupo de idade que en toda a campaña do ano pasado.

No tocante ás embarazadas administráronse 6.190 vacinas, o que supón un 172% de doses mais que o ano pasado. A cobertura neste colectivo está próxima ao 45%, superando ao 26% no que se situou a pasada campaña.

Tamén se incrementa a cobertura no persoal sanitario, con 14.629 vacinas administradas o que supón un 132% mais que o ano pasado.

18 de xaneiro de 2019 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.