publicidade hoxe

José Luis Chan tomou posesión como director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
José Luis Chan na toma de posesión

José Luis Chan na toma de posesión

José Luis Chan tomou este mediodía posesión do seu cargo como novo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, nun acto presidido polo conselleiro José González. Este nomeamento débese ao cambio na estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, que separa a planificación e a ordenación forestal do dispositivo de loita contra os incendios.

Así, a nova dirección xeral que asume José Luis Chan desenvolverá, entre outras, as funcións de conservación e fomento dos recursos do monte, a súa sustentabilidade, a regulación e ordenación dos seus aproveitamentos e o fomento e mellora da produción forestal. Así mesmo, xestionará todo o relativo ao fomento de fórmulas de agrupación da propiedade forestal, os rexistros públicos en materia de montes, o asesoramento técnico e administrativo das comunidades propietarias de montes veciñais en man común e as accións tendentes á mellora e conservación da saúde e vitalidade dos bosques.

No acto de toma de posesión, o conselleiro destacou a profesionalidade de José Luis Chan e desexoulle éxito nesta nova etapa á fronte da dirección xeral. Pola súa banda, o novo titular de Planificación e Ordenación Forestal agradeceu a confianza depositada nel e comprometeu o seu traballo e esforzo en beneficio do sector forestal de Galicia.

José Luis Chan naceu no Carballiño (Ourense) en 1963. É enxeñeiro técnico en explotacións forestais pola Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal de Madrid e enxeñeiro Superior de Montes pola Escola Técnica Superior de Enxeñería de Montes de Lugo. Dende a súa incorporación ao corpo facultativo da Xunta de Galicia, no ano 1987, desempeñou diferentes postos técnicos no Servizo Provincial de Montes da Coruña (1987-2001) e como xefe de Servizo de Xestión de Montes da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da entón Consellería de Medio Ambiente (entre 2001 e 2005).

Máis adiante foi o subdirector xeral de Recursos Forestais da Dirección Xeral de Montes, dependente xa da Consellería do Medio Rural, entre os anos 2005 e 2014. Nos últimos tempos, antes de asumir a nova dirección xeral, desempeñou o posto de xefe de Área de Fomento Forestal e de xefe do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural na provincia da Coruña.

11 de decembro de 2018 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.