publicidade hoxe

Galicia traballará coa rexión de Eslovenia Oriental para defender o mantemento dos fondos comunitarios a partir de 2021

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O director de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe en Austria co representante da rexión eslovena de Zahodna e membro do Comité Europeo das Rexións, Anton Kokalj, para analizar como defender de maneira conxunta o mantemento dos fondos percibidos no orzamento a longo prazo da Unión Europea. Ambas rexións atópanse na actualidade nunha situación similar posto que, a pesar de que descenden de categoría no novo período de financiamento, 2021-2027, pasarían a recibir menos fondos que na actualidade.

Para lograr cambiar os actuais criterios de reparto a Xunta de Galicia está dialogando coas institucións e tamén coas demais rexións afectadas por esta particular situación. A mensaxe de Gamallo a Kokalj foi claro: “ningunha rexión que descenda de categoría debería ver reducido o seu orzamento”.

Gamallo insistiu na necesidade de que as oito rexións europeas afectadas pola posible perda de fondos traballen de maneira conxunta, emulando o espírito da campaña Alianza pola Cohesión, lanzada polo Comité Europeo das Rexións para que a política de Cohesión, que supón na actualizade un terzo do orzamento europeo, siga sendo forte a partir de 2020.

Diálogo de alto nivel en Austria

A falta de seis meses para a celebración das eleccións ao Parlamento Europeo, o Comité Europeo das Rexións celebrou un evento en Austria para analizar os actuais e futuros retos do proxecto europeo, como son a migración ou o Brexit.

Entre os asistentes atopábase o chanceler austríaco, Sebastian Kurz e o candidato do PPE á Comisión Europea, Manfred Weber. Unha das mensaxes máis importantes que os líderes europeos quixeron transmitir é a importancia de que os cidadáns participen nas vindeiras eleccións europeas que, no caso de España, se celebrarán o 26 de maio.

Neste sentido, a Fundación Galicia Europa lanzou a súa campaña para animar ao voto de cara ás eleccións europeas do 2019. Baixo o lema #GaliciaVotaNaUE, a FGE únese á iniciativa Esta vez voto posta en marcha polo Parlamento Europeo, que pretende loitar contra a abstención creando unha comunidade de voluntarios dispostos a promover a importancia do voto e da participación nos próximos comicios europeos.

O obxectivo é animar á sociedade galega, e principalmente á xuventude, a que participe nas eleccións europeas do vindeiro 26 de maio. Nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo, celebradas en 2014, o 73 % dos mozos españois de entre 18 a 24 anos non acudiu a votar.

11 de decembro de 2018 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.