publicidade hoxe

Medio Ambiente avanza cos concellos da área de influencia de Sogama na implantación da recollida selectiva de biorresiduos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Xuntanza con alcaldes e concelleiros

Xuntanza con alcaldes e concelleiros

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, mantivo esta mañá unha xuntanza con alcaldes e concelleiros de 18 concellos próximos ao complexo medioambiental de Sogama, localizado en Cerceda, para animalos a acollerse á convocatoria aberta polo seu departamento co fin de avanzar na implantación da recollida selectiva dos chamados biorresiduos.

Nestes momentos, tal e como lles trasladou Ferreira aos representantes municipais, todos os concellos nos que non estea implantada a recollida diferenciada para a fracción orgánica dos residuos municipais teñen á súa disposición 4.670 contedores especificamente deseñados con este fin.

En todo caso, subliñou a importancia de que sexan os municipios máis próximos ao complexo de Sogama, que conta desde este ano coa súa propia planta de compostaxe, os primeiros en dar o paso e camiñar cara á implantación da recollida selectiva a través da solicitude dos contedores que, gratuitamente, pon ao seu alcance a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Con esta iniciativa, a Xunta busca acadar os máis altos niveis de reciclaxe dos desperdicios domésticos e avanzar cara a un modelo de xestión de residuos máis eficiente e na liña marcada pola chamada economía circular, que avoga por darlle unha nova vida aos residuos converténdoos en recursos antes da súa reincorporación ao ciclo produtivo.

Os municipios que estean interesados en facerse con algún dos contedores deseñados especificamente para a recollida de biorresiduos teñen ata o 30 de outubro para presentar as súas solicitudes. E unha vez os reciban, disporán aínda de dous anos para poder implantar de forma progresiva o novo sistema de separación da fracción orgánica.

Este proxecto, no cal a Consellería de Medio Ambiente investirá un total de 460.000 euros, supón unha oportunidade única de colaboración para todas aquelas entidades locais onde non se estea levando a cabo a recollida diferenciada dos biorresiduos, xa que con el se pretende contribuír a acadar un 50% de valorización da materia orgánica no ano 2020, de conformidade cos obxectivos impostos pola Unión Europea. De feito, o Estado español propuxo unha modificación da lei de residuos na que se obriga aos concellos de máis de 5.000 habitantes a facer a recollida separada da fracción orgánica de residuos domésticos a partir do 31 de decembro de 2020, e no resto dos casos, antes do 31 de decembro de 2023.

Características dos contedores e solicitudes

A través do chamado quinto contedor, as entidades locais solicitantes poderán implantar a recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos domésticos, ou ampliar as recollidas existentes, reducindo a cantidade de materia orgánica que vai parar á bolsa negra, así como tamén mellorar a porcentaxe de impropios nas recollidas actuais.

Os 4.670 contedores dispostos para articular estas novas recollidas terán unha capacidade de 240 litros, contarán cunha tapa que garantirá o seu peche hermético e cun sistema de apertura mediante chave que busca impedir que se poidan depositar, por erro ou neglixencia, calquera outro tipo de desperdicios distintos dos biorresiduos, evitando así a contaminación desta fracción.

Para solicitalos, os concellos deben presentar ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a través da sede electrónica da Xunta un compromiso no que fagan constar a súa disposición a implantar a recollida separada da fracción orgánica nun prazo non superior aos dous anos desde a entrega dos contedores. Durante este período deberase establecer un acordo coa planta de tratamento de biorresiduos de orixe doméstica ou cunha planta industrial que dispoña dunha liña separada para o tratamento dos mesmos.

A convocatoria para acollerse a esta medida seguirá aberta ata o 30 de outubro e toda a información sobre a mesma e os pasos a seguir poden consultarse a través da web do SIRGA así como na páxina da FEGAMP.

23 de outubro de 2018 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.