publicidade hoxe

Medio Ambiente aposta pola rehabilitación urbanística e a protección da biodiversidade como principais eixes dos seus orzamentos para 2019

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

As políticas de vivenda e de rehabilitación urbanística e a protección da natureza e a biodiversidade de Galicia serán os principais eixos de actuación para o ano 2019 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, cuxos orzamentos para o próximo exercicio suman en total máis de 300 millóns de euros. Así o resaltou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez, que durante a súa comparecencia no Parlamento para expoñer os grandes retos do seu departamento para o próximo ano, destacou os 36 millóns de euros que destinará aos diferentes programas e liñas de actuación en materia de rehabilitación de vivendas, unha partida que volve medrar e acumula un crecemento do 20% nos dous últimos exercicios.

No eido da protección dos recursos naturais, Vázquez Mejuto fixo especial fincapé nos danos provocados pola fauna silvestre, un problema do que dixo que a súa Consellería é “completamente consciente”, tal e como se reflicte nos orzamentos. Así, habilitarase unha partida de 1,4 millóns de euros que permitirá sacar unha nova liña de axudas por danos causados polo xabaril (dotada con 800.000 euros) e polo lobo (350.000 euros) e outra orde de prevención dos danos provocados pola fauna silvestre (dotada con 300.000 euros).

Para poder levar a cabo estes obxectivos, a titular de Medio Ambiente incidiu en que o seu departamento contará o próximo ano con máis recursos que nunca (159,5 millóns de fondos propios máis os 118,2 millóns de Sogama e os 23 millóns da empresa pública Xestur) para destinalos ao patrimonio natural, a paisaxe, a vivenda e a loita contra o cambio climático, materias que seguirán sendo “imprescindibles” para a Xunta tamén durante 2019 e que converten ao seu departamento, recalcou, no responsable de preservar a “alma de Galicia”.

Por iso, tres anos despois de que se recuperara unha consellería específica para as políticas medioambientais, Ángeles Vázquez mostrouse convencida de que, grazas a estas contas, o seu departamento poderá levar adiante o reto de protexer o patrimonio natural galego e fomentar un “urbanismo sustentable”, no que a preservación e a recuperación do xa construído será unha das prioridades.

Vivenda e solo residencial e empresarial

Co fin de atender as competencias en materia de vivenda, solo residencial e solo empresarial, a Consellería de Medio Ambiente contará o próximo ano con preto de 120 millóns de euros (119,6 M€). Neste apartado, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, as políticas de rehabilitación recibirán un dobre pulo. Por un lado, mobilizaranse case 36 millóns de euros a través de diversos programas e modalidades de intervención, e polo outro, seguirase a traballar na tramitación da primeira Lei de Rehabilitación de Galicia.

Unha das iniciativas máis salientables neste eido é o programa Rexurbe, dotado de 7,4 millóns de euros co fin de rehabilitar aqueles ámbitos degradados desde un punto de vista tanto arquitectónico como social co fin de volver convertelos nun motor para a súa contorna. Esta nova liña de acción pensada para axudar aos concellos a recuperar zonas e edificios degradados vén completar o esforzo investidor previsto en 2019 nas áreas de rehabilitación integral (ARI), para as que se reservan 6,5 millóns de euros, e se suma tamén ao programa para a rehabilitación de vivendas de mestres, que disporá de 1,6 millóns de euros.

A partida máis cuantiosa destinada á rehabilitación serán os 9 millóns de euros previstos para axudar a particulares, comunidades de veciños ou promotores con actuacións dirixidas a conservar ou introducir melloras enerxéticas e de accesibilidade en edificios construídos.

Así mesmo, para garantir o acceso a unha vivenda aos colectivos máis desfavorecidos, os orzamentos do vindeiro ano inclúen en concepto de axudas por desafiuzamentos unha partida de 2,6 millóns de euros, á que se suman os 2,2 millóns de euros do Bono Alugueiro Social e os 7,6 millóns que se destinarán á construción pisos de protección.

Tamén no capítulo de vivenda de promoción pública cómpre resaltar unha experiencia piloto en zonas rurais, onde está previsto impulsar grupos de vivendas modulares unifamiliares co fin de estandarizar e axilizar os proceso construtivos ao tempo que se reducen os custos.

No caso das grandes cidades, nas que a necesidade de solo residencial para a promoción tanto pública como privada de vivendas protexidas é crecente, a conselleira referiuse ás dúas grandes actuacións previstas pola empresa pública Xestur: o parque Ofimático da Coruña, cun investimento reservado nos orzamentos de 3,5 millóns, e a ampliación de San Paio de Navia, en Vigo, cunha partida de 6 millóns de euros.

O acceso á vivenda en réxime de alugueiro tamén recibirá un pulo nos orzamentos de 2019, nos que, segundo explicou a conselleira, o IGVS reserva un total de 7,2 millóns de euros tanto para o mantemento do actual parque público de inmobles arrendados, como para axudar a promotores e concellos a impulsar a construción de máis vivendas neste réxime.

O último capítulo en materia de vivenda no que a conselleira centrou a súa intervención foi o solo empresarial. Neste eido, anunciou que se lle dará continuidade á política de bonificación nos prezos de venda das parcelas dos parques empresariais do IGVS e de Xestur. Concretamente, en 2019 destinaranse 17,8 millóns dos orzamentos do instituto a solo empresarial, dos que 4,3 son para a PLISAN; e 16,2 millóns dos de Xestur, destacando neste caso as intervencións previstas en Morás (Arteixo) e As Gándaras (Lugo).

Reforzar o traballo dos últimos dez anos

A conselleira de Medio Ambiente destacou que os fitos acadados en materia de urbanismo e paisaxe, como a aprobación da nova Lei do solo e o seu regulamento, ou do Plan Básico Autonómico, “por citar os máis recentes”, precisou, son o mellor incentivo para avanzar nesta materia. As contas do 2019 permitirán avanzar en tres aspectos fundamentais. O primeiro, o Plan Básico Municipal, un instrumento para dotar aos concellos de menos de 5.000 habitantes dunha ordenación urbanística básica. Dos 37 concellos candidatos, O Páramo será o primeiro -aclarou- e poderán sumarse Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Triacastela, Cartelle, Porqueira e San Xoán de Río. O orzamento para materializar esta nova ferramenta urbanística é de 850.000 euros.

Tamén se blindará unha partida de 3,2 millóns de euros para axudas á redacción do planeamento, que permitirán sumar máis concellos con PXOM acorde á Lei, que na actualidade son 97. E o terceiro aspecto será aprobar unha nova Lei de Ordenación do Territorio, tras máis de 20 anos de vixencia da normativa actual.

Argumentou que o urbanismo está ligado á protección da paisaxe e que no ano 2019 estará marcada por dous fitos importantes: acadar o primeiro Pacto pola Paisaxe, unha figura que blindará a protección e conservación da riqueza paisaxística de Galicia, e para o que se consignarán 400.000 euros; e as Directrices da Paisaxe, un documento que en breve estará en exposición pública e cuxa previsión é aprobalo en 2019.

Máis medidas que nunca contra o cambio climático

Ángeles Vázquez recordou que un dos eixes para o presente e o futuro do Goberno galego é a loita contra o cambio climático e defendeu continuar nesa liña de traballo desenvolvendo en Galicia máis medidas que nunca contra este fenómeno mundial.

A Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 será o documento que guiará a actuación da Xunta, que estará lista este ano e que recollerá medidas para 2019. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, departamento que contará cun orzamento de máis de 20 millóns de euros, será o encargado de impulsalas.

O vindeiro ano tamén se fomentará a implantación das medidas previstas na Estratexia de Sustentabilidade Ambiental para unha compra pública sostible, rematarase o deseño da ferramenta para o cálculo da pegada ecolóxica de Galicia e elaboraranse plans de acción contra o cambio climático, como o de adaptación das costas galegas a este fenómeno. Ademais, avanzarase no deseño de modelos numéricos de predición específicos para Galicia, co reforzo dos sistemas de observación da calidade do aire, das augas e de observación meteorolóxica e oceanográfica, ao que se dedicará un investimento de 1,3 millóns de euros.

Ao tempo que se analiza como incide xa o cambio climático na Comunidade, tamén se avanzará na coordinación e xestión do Pacto dos alcaldes para o Clima e a Enerxía, ao que se destinará un investimento de 300.000 euros, co obxectivo de axudar aos concellos a poñer en marcha plans específicos que sumen na carreira de acadar os obxectivos europeos para o ano 2020 en materia de clima e enerxía.

A conselleira de Medio Ambiente reiterou que un elemento clave na loita contra o cambio climático pasa “ineludiblemente” pola xeración de menos residuos, a reciclaxe e a recuperación de materiais e a redución do uso das materias primas; é dicir, apostar por unha xestión dos residuos moderna e eficiente.

Para acadar este reto, a Consellería contará co Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia, que verá incrementado o seu investimento nun 13,30% e estará dotado con máis de 4,5 millóns de euros para este exercicio, para promover accións de prevención da xeración dos residuos e a mellora da xestión, así como aquelas que poden desenvolver os concellos, como a potenciar a recollida selectiva en orixe e xestión da fracción orgánica dos residuos, fomentar a prevención e preparación para a reutilización de residuos municipais e mellorar os servizos de proximidade e as instalacións a disposición dos cidadáns.

Tamén se continuará co desenvolvemento do Plan de Residuos Industriais de Galicia, investindo máis de 800.000 euros, para actuacións como o fomento da prevención da xeración dos residuos na industria, a mellora da xestión dos aceites usados, a xestión de residuos sanitarios, da construción, de buques e embarcacións, de pilas e acumuladores, de aparellos eléctricos e electrónicos…

Indicou que as medidas anteriores tamén evitarán a proliferación de puntos de vertido incontrolado, que en 2019 se centrarán na recuperación espazos degradados, especialmente dentro da Rede Natura, e para o que se investirán 1,5 millóns.

Vázquez Mejuto indicou que non se pode falar da xestión de residuos en Galicia sen citar a Sogama, un sistema referente a nivel europeo ao que están adheridos o 94% dos concellos galegos e que este ano verán reducido o canon nun 10%, naqueles casos que certifiquen o seu compromiso coa redución de residuos e o fomento da recollida selectiva. En definitiva, trátase de apoiar a aqueles concellos que certifiquen un maior compromiso coa redución e separación dos residuos.

Marco normativo para o Patrimonio Natural

A conselleira de Medio Ambiente destacou que o patrimonio natural de Galicia é a mellor carta de presentación, polo que as contas e as liñas de actuación da Dirección Xeral de Patrimonio Natural -departamento que máis ve medrar o seu orzamento e que xestionará máis de 32 millóns de euros- centraranse en establecer medidas que enxalcen esa riqueza.

A conselleira sinalou que esas medidas non só pasan pola consignación de orzamento, senón que tamén pola definición dun marco normativo ou dunha regulación que pondere os valores de cada un dos espazos, ao tempo que os protexe, como é a Lei de Patrimonio Natural que entrará no Parlamento no primeiro período de sesións do ano 2019. Avanzou que, previamente (antes de finais de 2018), estarán aprobados os plans reitores de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional Illas Atlánticas e de catro parques naturais (Monte Aloia, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra e Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán); mentres que ao longo de 2019 estarán listos os PRUX de Baixa Limia-Serra do Xurés e Fragas do Eume -os de maior extensión-. Explicou que a continuación se iniciará o deseño dunha estratexia para comezar coa elaboración dos Plans de xestión das Zonas de Especial Conservación en Rede Natura, un traballo que comezará polas ZEC Estaca de Bares e Serra do Careón.

Recordou que Galicia conta cunha rede de espazos protexidos composta por 97 enclaves (59 Zonas de Especial Conservación -ZEC-, 16 Zona de Especial Protección de Aves –ZEPA-, un parque nacional, seis parques naturais, dúas paisaxes protexidas, oito monumentos naturais e cinco humedais) que ocupan case un 12% do territorio galego; polo que se destinarán preto de 5,3 millóns de euros para a súa preservación e protección, a través de ordes de axudas e investimentos directos.

Este esforzo de protección tamén se concentrará en 2019 nas reservas da biosfera, coa aprobación do decreto que regulará o Comité de Coordinación desta rede galega, á que se sumará unha sétima reserva, a da Ribeira Sacra, e a posta en marcha dunha nova liña de axudas, con 600.000 euros, para apoiar as actuacións que permitan poñer en valor estas áreas protexidas internacionalmente.

Indicou que tamén se actualizará o marco normativo da pesca fluvial, que se rexe por unha norma do ano 1992, para o que se traballará da man do sector ao longo de 2019; e tamén para a caza, co inicio en xaneiro da redacción do regulamento desta actividade.

Vázquez Mejuto salientou que o patrimonio tamén son os animais que viven na nosa contorna, como os domésticos, que xa contan cunha Lei de protección e benestar animal que no ano 2019 verá incrementada nun 25% a orde de axudas para continuar coa súa aplicación, ao tempo que se aprobará o regulamento que desenvolverá esta normativa.

26 de outubro de 2018 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.