publicidade hoxe

Ángeles Vázquez subliña a importancia de contar coa cooperación dos cazadores para protexer o medio ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe a súa primeira reunión institucional coa Federación Galega de Caza, un encontro durante o que salientou a necesidade de seguir contando coa colaboración e o compromiso activo do sector cinexético galego na protección e conservación do medio ambiente.

Durante a súa visita á sede central da Federación, Vázquez Mejuto lembrou os convenios asinados recentemente entre a Xunta e este organismo, o máis representativo do sector cinexético galego xa que aglutina a uns 20.000 cazadores.

Así, referiuse ao convenio asinado este ano coa Federación Galega de Caza no que o colectivo se compromete a colaborar na prevención e defensa contra os incendios forestais realizando tarefas de detección, vixilancia e disuasión, e anunciou que manterá a liña de cooperación establecida coa Consellería de Medio Ambiente para fomentar unha actividade cinexética sustentable na comunidade autónoma.

Neste sentido, a conselleira confiou tamén en que o labor desenvolvido polos cazadores como membros activos do grupo de traballo creado para a xestión da problemática do xabaril en Galicia continúe nos vindeiros anos e contribúan a complementar as iniciativas realizadas por parte da Administración galega.

Entre os asuntos que se abordaron neste primeiro encontro de traballo cómpre salientar o novo regulamento de caza, a necesidade de garantir un relevo xeracional para o colectivo ou a formación dos cazadores, tres asuntos nos que a conselleira amosou a súa vontade de abrir unha vía de diálogo permanente co sector na busca de solucións de consenso.

15 de outubro de 2018 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.