A Xunta lamenta a falta de implicación do consorcio Zona Franca de Vigo no proxecto pioneiro de Campus FP
Ante as declaracións do delegado do Consorcio Zona Franca de Vigo (CZFV), David Regades, publicadas hoxe, sobre a non colaboración desta entidade no proxecto do primeiro Campus de FP de España, a Xunta quere manifestar en primeiro lugar a súa sorpresa, xa que non recibira ningunha notificación ao respecto.
O único contacto realizado ata o momento por David Regades coa Consellería de Educación foi unha resposta ambigua a unha solicitude de reunión realizada polo anterior titular, Román Rodríguez, na que precisamente demandaba abordar esta cuestión.
Na misiva, o conselleiro insistía en que o proxecto Campus FP Vigo abrangue “un conxunto de actuacións estratéxicas que buscan impulsar unha educación de vangarda e altamente integrada no tecido produtivo”. Sinalaba ademais que a iniciativa contribuirá a “impulsar a FP dual, incrementará a colaboración con empresas da comarca e a transferencia de coñecemento, ao tempo que apostará pola innovación e o emprendemento”.
Desde o Goberno galego non se entende, polo tanto, que David Regades apunte que esta “excelente idea”, como el mesmo recoñece, sexa allea ás competencias de desenvolvemento económico que ten a Zona Franca.
Con respecto á inexistencia dun expediente aberto na Zona Franca, a Xunta quere manifestar que ao longo do primeiro semestre deste ano se mantiveron reunións con representantes de Zona Franca e existen numerosos correos electrónicos nos que se remitiron diferentes borradores de convenio. No último deles, datado en xuño, exprésanse con claridade as obrigas das administracións financiadoras que, tal e como recollen os medios de comunicación, prevían un investimento de 7,1 millóns por parte da Xunta e de 5,5 por parte do Consorcio de Zona Franca.
A Xunta quere salientar tamén o seu pesar pola falta de vontade de colaboración do actual responsable do CZFV ante un proxecto pioneiro en España, que precisa da implicación de todas as administracións. Cómpre sinalar que a perda do financiamento que estaba previsto por parte da Zona Franca pon en risco unha iniciativa creada para o tecido produtivo da área de Vigo e atendendo ás demandas do seu empresariado.