publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os 11 obradoiros de emprego da área de Compostela formarán a 190 alumnos-traballadores cunha achega de 2,6 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaMelideNegreiraO PinoOrdesPadrónPortada dereitaRoisSanta CombaSantiago de CompostelaTeo
A-
A+

Os municipios da área de Santiago contarán en 2018 cun total de 11 obradoiros de emprego, 8 deles de carácter dual, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego 2.624.610 euros.

Os 8 obradoiros duais, cada un con 20 prazas salvo o de Teo, que ten 8, terán lugar en Padrón, compartido con Rois e Dodro; en Negreira, compartido con Santa Comba, A Baña e Val do Dubra; no Pino, compartido con Arzúa; en Ordes, compartido con Frades e Mesía; en Melide, compartido con Boimorto; en Teo en Santiago de Compostela, compartido con Ames e en Santa Comba, compartido con Dumbría e Mazaricos.

Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, realizaranse en Santa Comba, compartido con Negreira, A Baña e Val do Dubra de 16 prazas; Rois, compartido con Padrón en Dodro de 10 prazas; e Santiago, compartido con Teo de 16 prazas.

Estes obradoiros permitirán que un total de 190 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.

A principal novidade é que os participantes nos obradoiros duais poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

A nivel provincial, os 38 obradoiros de emprego que se organizan na Coruña permitirán a formación de 682 alumnos-traballadores, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros

Os obradoiros centraranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

A selección dos alumnos e alumnas realizarase a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.

Ovidio Rodeiro lembrou a importancia da colaboración institucional para contar cunha Comunidade máis competitiva e con máis capacidade para crear riqueza e insistiu en que o mellor exemplo son os Concellos emprendedores. Unha iniciativa paralela á Lei de implantación empresarial na que a administración autonómica e local colaboran para facilitar a tramitación administrativa, o acceso ao solo e para ofrecer unha mellor fiscalidade. Na comarca de Santiago en concreto, son concellos emprendedores e obtiveron un obradoiro, Ordes, Melide, Frades e Dodro.

Na visita a Val do Dubra para ver as actuacións de mantemento e de mellora que os alumnos realizarán en varios edificios públicos, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou o “compromiso claro da Xunta para traballar na creación de postos de traballo de calidade, estables e coa mirada posta no futuro”. O delegado tamén afirmou que “a formación nestes obradoiros debe ser un aval para que os alumnos poidan acceder ao mercado de traballo con garantías”.

10 de setembro de 2018 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.