publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O CCVV e Turismo de Galicia formalizan a cesión do edificio para a construcción dun albergue de peregrinos na Ribeira do Berbés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+
Nava Castro na sinatura do convenio

Nava Castro na sinatura do convenio

O presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, veñen de formalizar, mediante a firma dun convenio, a cesión do dereito de superficie do inmoble sito en Ribeira do Berbés 5 e Peñasco 9 para a súa reforma e posterior conversión en albergue de peregrinos.

O anuncio ratifica así o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que anunciou para Vigo, de cara ao Xacobeo do 2021, a construción dun albergue de peregrinos na cidade, tal e como recorda o responsable do CCVV e delegado da Xunta en Vigo, á vez que celebra a elección do barrio histórico da cidade como o lugar elixido. “O cambio estético do casco vello nos últimos anos é máis que notable e este albergue é outro exemplo da inequívoca aposta do Goberno galego pola súa rehabilitación”, afirma.

E dado o impulso que está a acadar o Camiño Portugués da Costa, López-Chaves agradece aos representantes do Consorcio Casco Vello de Vigo o seu visto e prace á cesión. Na súa opinión, “unha moi boa nova” para o barrio histórico, que xa alberga o Servizo Común de Notificacións e Embargos e acollerá a futura sede da Universidade de Vigo. Neste senso, recorda que a devandita ruta xacobea é a que rexistra o maior incremento dos últimos anos e que a rehabilitación que ten programada Turismo de Galicia conta con tempo suficiente para que o albergue estea construído antes do vindeiro Ano Santo.

Unha vez formalizada a cesión, Turismo de Galicia encargarase da rehabilitación e posterior mantemento do albergue que, segundo as estimacións iniciais, podería contar cunha capacidade de 90 prazas e unha inversión de preto dun millón de euros.

Características do inmoble

En canto ás características do inmoble obxecto da cesión, conta cunha superficie de parcela de 258 metros cadrados. En realidade, trátase de dúas edificacións, con senllos frontes, conectadas pola planta baixa e o primeiro andar, polo que no proxecto do albergue trataranse en conxunto.

Segundo o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI do Casco Vello) a rehabilitación de ambos edificios contempla o aumento nunha planta que o proxecto do futuro albergue recolle no edificio de Ribeira do Berbés 5, non así na edificación traseira de Peñasco 9, que se mantén en altura na procura de manter a máxima coherencia coas edificacións da contorna.

Aparece recollido no plan de actuación do CCVV, aínda que xa se excluía a súa rehabilitación e os ingresos obtidos pola venda das vivendas.

Os edificios obxecto do proxecto de rehabilitación e ampliación contan con protección ambiental e, en consecuencia, deben manterse as fachadas orixinais. A ampliación da segunda planta realizarase mediante muros de pedra, mantendo a coherencia estética do edificio.

Ano do Camiño Portugués da Costa

O novo albergue de Vigo forma parte dos compromisos da Xunta a través do Plan director do Camiño de Santiago, que en 2018 concentra os seus investimentos no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa. Amais desta infraestrutura, lévase a cabo a sinalización, mellora e acondicionamento de ambos itinerarios, o que contribuirá á súa preservación e impulso e mellorará a experiencia dos peregrinos.

Así mesmo, estase a potenciar a promoción, divulgación e dinamización destas rutas xacobeas, con exposicións como De mar a mar, que estas semanas dá a coñecer ambos itinerarios na cidade portuguesa de Coímbra despois de pasar por Pontevedra ou Padrón, ou programas de artes escénicas como Vive o Camiño, que este mes ten previstos concertos e representacións en Nigrán (8 de agosto), Baiona (9 de agosto), Mos (10 de agosto), Valga (18 de agosto), Vigo (20 de agosto), Redondela (21 de agosto), Soutomaior (22 de agosto), Vilaboa (23 de agosto), Pontevedra (27 de agosto), Barro (28 de agosto), Caldas de Reis (29 de agosto) e Tui (30 de agosto). As estas citas sumaranse sete máis en setembro.

8 de agosto de 2018 | 14:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.