publicidade hoxe

O 061-Galicia asistiu a 104 persoas por 66 accidentes de circulación na fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaSucesos
A-
A+

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 104 persoas debido a 66 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15:00 horas do venres, 24 de agosto ata as 23:59 horas do domingo, 26 de agosto. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 29 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 77 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 66 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 104 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 67 % e do 33 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 39 % dos atendidos tiña entre os 25 e os 39 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 25 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

A Coruña: 25
Lugo: 5
Ourense: 10
Pontevedra: 26
Total Galicia: 66

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 91. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado acudiu en tres sinistros, o helicóptero medicalizado asistiu en dúas ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 74 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en nove accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en tres sinistros.

En 93 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 10 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

27 de agosto de 2018 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.