publicidade hoxe

Medio Rural destaca a súa aposta polas novas tecnoloxías na loita contra os incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a importancia de incorporar as novas tecnoloxías na loita contra os incendios forestais, e moi especialmente as relacionadas coa información e a comunicación. Fíxoo durante a súa visita á base aérea desde a que opera o helicóptero de coordinación da Xunta de Galicia que ofrece imaxes en tempo real e xeorreferenciadas.

A conselleira explicou que este aparello permite comprobar a situación dun determinado lume sobre plano e a súa evolución, algo que, incidiu, axuda moito na toma de decisións no momento da extinción. Engadiu que ofrece datos clave para orientar os labores do dispositivo e a xestión dos incendios, en particular no caso dos grandes lumes, que resultan máis complicados de atallar.

Ángeles Vázquez advertiu que con este sistema “teremos algo máis que ollos sobre o territorio”, algo fundamental para facer fronte aos lumes, que “funcionan como seres vivos, sempre cambiantes, sobre todo cando as condicións meteorolóxicas e particularmente o vento mudan constantemente”.

Cámaras nos distritos

A titular de Medio Rural vinculou estas melloras tecnolóxicas co dispositivo de 88 cámaras repartidas polos dezanove distritos forestais de Galicia, para labores de vixilancia e disuasión, un operativo que –dixo– completará o seu despregue ao longo desta mesma semana.

Estes aparellos sitúanse de maneira especial nas parroquias de alta actividade incendiaria (este ano no Pladiga hai 77 sinaladas) e permitirán monitorizar máis da metade do territorio galego, o que supón unha superficie que supera os 1,5 millóns de hectáreas, segundo destacou a conselleira. Están colocadas, sinalou, en “zonas estratéxicas” e servirán tanto para previr incendios como para mellorar a coordinación dos medios de extinción, en caso de lume. Ángeles Vázquez aproveitou a ocasión para insistir na necesidade de reforzar a implicación de toda a sociedade na loita contra o lume, “denunciando calquera actividade incendiaria e alertando aos servizos de extinción dos lumes de que teñan constancia”. Lembrou que para isto último dispoñen do teléfono gratuíto 085, ao que poden chamar para dar a alarma.

14 de agosto de 2018 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.