publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Aposta polo ocio familiar, o medio ambiente e a solidariedade na inauguración dunha nova edición de Equiocio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
José Manuel Rey Varela na visita a Equiocio

José Manuel Rey Varela na visita a Equiocio

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe no acto de inauguración oficial da XXVII de Equiocio, que comezou onte e se celebrará ata o vindeiro domingo na contorna da parroquia ferrolá de Covas. Ademais do alto nivel das probas equinas, este evento tamén destaca por unha programación baseada no ocio familiar.

Na súa intervención, Rey Varela fixo fincapé en que “Equiocio mantén un ano máis a súa aposta pola diversión en familia e a vida saudable como sinais de identidade dun certame que tamén engade como outro dos seus valores a sustentabilidade”. Ao respecto, encomiou a vontade do comité organizador do evento de sensibilizar e concienciar ao público asistente sobre a importancia de respectar a natureza e de a axudar a aqueles que máis o precisan.

Así mesmo, o titular de Política Social referiuse a Equiocio como “evento multidisciplinar que xira arredor do mundo do cabalo e que é unha perfecta combinación de deporte, ocio, cultura e turismo”. Unha oferta que, segundo apuntou, fan de esta cita “un auténtico polo de atracción para Ferrol e tamén en todo un referente para o conxunto de Galicia”.

Por último, o conselleiro manifestou que “podemos dicir con satisfacción que Equiocio segue medrando e ofertando cada edición unha proposta máis ambiciosa e ampla de actividades, o que é posible grazas á suma de afectos que o evento foi gañando ao longo do tempo”, destacando a implicación das entidades e empresas que colaboran con este evento.

Equiocio oferta un amplo programa de actividades e de opcións de ocio que ademais, teñen unha faciana solidaria xa que os beneficios dalgunhas das actividades irán destinados á ONG Mitrata Nepal España. Ademais, celebrarase unha segunda edición do trial solidario que terá a Cruz Vermella como beneficiario.

Dentro deste evento, destaca a existencia dun espazo para as entidades sociais, de xeito que todo aquel que visite Equiocio poderán coñecer de primeira man as accións e o traballo que realizan en favor da integración das persoas que máis precisan do apoio das administracións e da sociedade. Ademais das entidades xa mencionadas, terán presenza en Equiocio Asotrame, Humanas e a Asociación de Mulleres Rurais.

3 de agosto de 2018 | 14:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.