publicidade hoxe

A Xunta impulsa con 270.000 euros o Museo da Enoloxía do Condado de Tea

A Xunta impulsa o proxecto vitivinícola do Museo da Enoloxía do Condado de Tea cunha axuda de 270.000 euros dando continuidade a esta iniciativa posta en marcha o ano pasado .

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez e a directora de Turismo de Galicia asinaron hoxe co alcalde de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal o convenio de colaboración entre a Administración autonómica e o concello para dotar de contido ao Museo da Enoloxía do Condado, a través dun proxecto museístico que afondará na historia da cultura vitivinícola de Galicia e desta comarca, unha das cinco subzonas da D.O. das Rías Baixas.

O proxecto museístico do Museo da Enoloxía do Condado permitirá difundir e divulgar o potencial desta comarca do interior de Pontevedra, e contribuirá así a posicionar ao Condado de Tea como destino enogastronómico do norte de España. Ao abeiro desta colaboración a información didáctica e divulgativa situarase na planta baixa do edificio e incluirá contidos como o papel da cultura vitivinícola na historia de Galicia ou as singularidades das denominacións de orixe vitivinícolas, especialmente da das Rías Baixas.

Este convenio dá continuidade á aposta da Xunta por esta infraestrutura turística situada en Salvaterra de Miño e xurdida ao abeiro dun convenio asinado o ano pasado. O Goberno galego aportou máis de 300.000 euros para a posta en marcha do Museo da Enoloxía do Condado de Tea e impulsar así o enoturismo, un dos recursos diferenciadores aos cales presta unha especial atención a Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego. Este recurso axuda a especializar a oferta, desestacionalizar a demanda e complementar outros segmentos como o turismo cultural e de natureza, o termalismo ou o turismo rural.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reafirmou o “pleno compromiso da Xunta co sector vitivinícola galego”, un eido produtivo que –destacou– implica uns 16.000 viticultores e 460 adegas. Valorou, ademais, o esforzo dos axentes e técnicos que traballan neste mundo, algo que ten “unha repercusión económica, pero tamén social, cultural e turística”.

Neste contexto situou este museo enolóxico de Salvaterra de Miño que, dixo, está localizado “nun lugar emblemático para a nosa cultura do viño”, na subzona do Condado de Tea, dentro da denominación de orixe Rías Baixas. Salientou tamén que a implicación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) nesta iniciativa é coherente cos obxectivos da Xunta de “dar vida ao noso rural e fixar poboación”, neste caso aproveitando un recurso endóxeno do territorio, como é o potencial turístico da enogastronomía.

3 de agosto de 2018 | 10:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.