publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Pontevedra presenta a campaña de Igualdade que realizará no festival Revenidas aos colectivos de profesionais de Vilagarcía

A Deputación de Pontevedra, no marco das accións da campaña de Igualdade que está a estender durante este verán con motivo dos #RíasBaixasFests, entre os que se atopa Revenidas, convocou no concello de Vilagarcía unha reunión informativa na que se presentaron as campañas #Lembraeudecidotirespectas e #Contacomigoeurespectote. A través desta actuación, posta en marcha pola institución provincial por segundo ano consecutivo, preténdese informar e previr as violacións en cita e as agresións por submisión química.

Na reunión participaron o persoal do CIM de Vilagarcía e a concelleira de Igualdade, Tania García, que se encargarán de velar polo normal desenvolvemento do evento e garantirán a seguridade de tódalas persoas asistentes ao Revenidas, que se estenderá desde o venres ata o domingo en Vilaxoán de Arousa. Durante o encontro, explicáronse os obxectivos das campañas de Igualdade postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e fíxose fincapé en que, este ano, estase a dar un paso máis cara a implicación dos mozos na campaña coa finalidade de que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de conductas, non sexan cómplices e se sitúen fronte aos agresores ao tempo que se promoven relacións en igualdade baseadas no respecto.

Ademais da presentación das campañas, durante a reunión entregouse material informativo para situar no posto da Garda Civil, da Policía Local e nas dependencias municipais. Igualmente, facilitáronse recomendacións para unha axeitada atención desde a perspectiva de xénero ás vítimas deste tipo de delitos. Tamén se fixo énfase na importancia da perspectiva de xénero no marco dos traballos que se van realizar para garantir o normal desenvolvemento do festival e a seguridade das persoas participantes, amosando exemplos de boas prácticas que evitan a revitimización das vítimas e analizando os principais problemas que atopan as e os profesionais á hora de intervir.

16 de agosto de 2018 | 14:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.