publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O novo edificio do Campus da Auga será o centro de referencia de todo o noroeste peninsular para o coñecemento vinculado á auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada esquerda
A-
A+
Inauguración do novo edificio do Campus da Auga de Ourense

Inauguración do novo edificio do Campus da Auga de Ourense

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que o novo edificio do Campus da Auga en Ourense será o centro de referencia de todo o noroeste peninsular para o coñecemento vinculado á auga.

Durante a inauguración desta sede, Feijóo precisou que nela se instalarán grupos de investigación vinculados ás áreas estratéxicas do Campus, que implicarán á práctica totalidade das facultades asentadas na cidade. E, con este obxectivo, destacou que, nos últimos meses, foise avanzando no cumprimento das liñas estratéxicas do campus: coa posta en marcha do programa de doutorado do Campus da Auga; coa apertura do programa de fomento da innovación, con premios para recoñecer accións relevantes no eido da investigación, a innovación educativa, a transferencia do coñecemento e a divulgación científica; e coa creación da unidade de transferencia de tecnoloxía e coñecemento e do programa de emprendemento e creación de empresas.

Así mesmo, lembrou a posta en marcha dunha unidade de investigación de excelencia, que implica a Universidade, a empresa e a Administración, dun clúster centrado no medio ambiente e a alimentación e doutro centrado en innovación, xestión dos recursos hídricos e na auga como recurso turístico e cultural.

“Este campus nace sen fronteiras e con todas as portas abertas para os ourensáns e para todos os galegos”, dixo, recordando que o Goberno galego investiu preto de 4,5 millóns neste edificio. Unha contía que, sumada ás achegas destinadas ao desenvolvemento doutras accións de I+D+i do Campus da Auga, ascende a un investimento total de 7 millóns de euros.

O presidente da Xunta aseverou que a apertura desta sede será o mellor dos estímulos para os retos que aínda quedan por cumprir: potenciar a mobilidade de estudantes de doutorado e investigadores; organizar o III Congreso internacional da Auga, que se celebrará no mes de outubro; abrir novas liñas de investigación; e comezar a traballar na oferta académica do campus, que deberá responder ás necesidades da sociedade ourensá.

Nesta liña, incidiu en que os beneficios do Campus da Auga se estenderán moito máis alá das paredes deste novo edificio, ata os diferentes actores da sociedade galega. “Estamos ante unha grande oportunidade para todos; para a comunidade universitaria, para os alumnos, para a Xunta, para as empresas da zona e para Ourense”, dixo, ao que engadiu que esta oportunidade supón unha aposta plena polo traballo conxunto que caracterizou este proxecto desde que se comezaron a escribir as liñas do seu plan estratéxico.

“O que inauguramos hoxe, é un proxecto académico, social, económico e industrial; unha mensaxe de futuro para a provincia”, abundou

Cooperación e interese colectivo

Así mesmo, o responsable do Goberno galego resaltou a vontade de colaboración que caracteriza o Sistema Universitario Galego, tanto coa Administración autonómica como entre as universidades, achegando potencialidades de cada un ao interese colectivo.

Unha cooperación clave para que o minifundismo académico non impere en Galicia. E que se reflicte: nos dous plans de financiamento; no acordo para a docencia clínica en Medicina que favorece a participación das universidades da Coruña e Vigo nesta titulación; no primeiro Consorcio interuniversitario de Galicia; e no novo mapa de titulacións, que permitirá reforzar a oferta formativa dos sete campus, seguindo a liña de novos graos como o de Enxeñaría Aeroespacial, que se imparte en Ourense por segundo ano.

Fronte á tentación do minifundismo académico, o presidente da Xunta afirmou que Galicia optou pola colaboración e a excelencia, elementos que nos fan conectar os puntos fortes de cada un dos campus a nivel científico e académico e vincular os recursos de cada un dos territorios.

Feijóo concluíu lembrando que, ademais do Campus Vida en Santiago, do Campus do Mar en Vigo e do Campus da Auga e Ourense, a Comunidade conta co Campus Terra en Lugo, co Campus Industrial en Ferrol; e con outras cinco iniciativas aínda en fase embrionaria: o Campus da Cidadanía, en Santiago; os Campus Innova e Campus da Sustentabilidade, na Coruña; o Campus Vigo Tecnolóxico e o Campus Crea, en Pontevedra.

6 de xuño de 2018 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.